Un centenar de persoas beneficiaranse dos novos cursos de formación on-line de Gondomar

A Concellería Igualdade de Gondomar, dirixida por Nuria Lameiro, inaugurou o primeiro dos cursos de formación on-line que o seu departamento desenvolverá entre os meses de xulio e agosto, co cofinanciamento da Deputación Provincial de Pontevedra.

Impartiranse un total de 265 horas nas que se abordarán diferentes temarios relacionados directamente coas demandas do mercado, co fin de facilitar a posibilidade de acceder a un posto no mercado laboral, ou mellorar as capacidades para promocionar nel.

Algo máis dun centenar de persoas interesáronse por esta actividade, que vén repetíndose nos últimos anos, sendo finalmente un total de 90 os que accederon aos cursos ao ter unha capacidade máxima cada un de 15 alumnos/as.

Hixiene e manipulación de alimentos, con cinco horas de duración, foi o curso que inaugurou esta nova edición, ao que lle seguirán o ensino do inglés para nenos de 1 a 3 anos; organización de actividades en institucións sociais; atención sociosanitaria a persoas enfermas de alzheimer; administración electrónica 2021 e igualdade de oportunidades.