Aqualia limpa 34 pozos de bombeo e 4.115 metros de colectores da rede de saneamento de Nigrán

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Operarios de Aqualia.

Aqualia, empresa concesionaria do Servizo Municipal de Abastecemento e Saneamento de Augas do Concello de Nigrán, está a levar a cabo traballos de limpeza da rede municipal de saneamento desde inicios de ano para asegurar o correcto funcionamento da rede de sumidoiros. Este inclúe a limpeza dos 34 pozos de bombeo de augas residuais cos que conta o municipio e 4.115 metros de colectores. Dita actuación forma parte do plan preventivo programado entre concesionaria e Concello para a posta a punto da rede municipal e evitar así problemas aos veciños conectados ás redes de saneamento.

Trátase da primeira campaña preventiva das catro que se realizarán ao longo do ano e o obxectivo é garantir o mellor servizo para a tempada de choivas facendo fincapé nos puntos definidos como conflitivos (baseándose en distintos aspectos tales como estado e antigüidade da rede, volume de auga residual que soporta, problemáticas que adoita presentar, tempo transcorrido desde a última limpeza e a propia experiencia da concesionaria do servizo). Paralelamente, lévanse a cabo limpezas correctivas para os atascos que se producen de forma imprevista e que se resolven de forma practicamente instantánea.

Os traballos realízanse con medios mecánicos grazas a un camión de impulsión-succión de última xeración que facilita o labor aos operarios ao tempo producen as mínimas molestias aos veciños porque veñen dotados dun sistema de redución de ruídos. O vehículo conta cunha tobeira que se introduce nos colectores e succiona os residuos ou impulsa auga a gran presión dependendo do tipo de obstrución que se detecte. Con este sistema extráese todos os elementos acumulados dentro e que dificultan a circulación das augas residuais, podendo chegar a producir inundacións nas rúas. Así, os colectores recuperan a súa capacidade hidráulica de transporte.

Colaboración cidadá

Concello e Aqualia inciden na necesidade de que todos os veciños se conciencien co bo uso do sistema público de rede de sumidoiros, evitando arroxar sucidade, verteduras, toalliñas hixiénicas, bastoncillos ou papeis á rede de sumidoiros, elementos que provocan obstrucións e malos cheiros nas rúas.

Anuncios