Nigrán mostra a devastación dos incendios forestais a vista de dron

FOTO: DRONGAL // A parroquia de Chandebrito tras os incendios forestais.

Este luns cumpríronse tres meses dos tremendos incendios sufridos en Galicia o 15 de outubro de 2017. O Concello de Nigrán sufriu especialmente a onda incendiaria, que custou a vida a dúas veciñas de Chandebrito e que calcinou unha porcentaxe moi elevada da súa masa forestal.

Segundo os datos achegados desde as comunidades de montes, en Chandebrito só sobreviviron aos incendios 2 hectáreas do total de 232 que hai de monte comunal, mentres que na parroquia veciña de Camos sobreviviron 20 dun total de 370 hectáreas comunais. As cifras dan información clara da magnitude do desastre.

Como homenaxe aos afectados, desde o Consistorio encargouse a gravación dun vídeo aéreo no que plasmar visualmente e dunha forma clara a magnitude destes lumes concienciando a todo o mundo da gravidade destes feitos.

O traballo, elaborado dúas semanas despois dos incendios pola empresa local Drongal e realizado en colaboración coa produtora gondomareña Ollomol Audiovisual, foi presentado o 8 de decembro no Auditorio Municipal de Nigrán durante o tradicional concerto benéfico de Nadal no que participaron todas as corais do municipio.

Trátase dun vídeo de 12 minutos de imaxes aéreas captadas por un dron no que se pode apreciar a devastación causada polo lume nas parroquias de Chandebrito, Camos e Parada. Tamén está dispoñible unha versión de case 5 minutos.

Anuncios