Cristian Cuervo e Jorge González únense á concentración do Club Ciclista Rías Baixas

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS // César Cárdenas, Gerardo Chamoro, Cristian Cuervo e Jorge González.

O primeiro stage do Club Ciclista Rías Baixas para preparar a tempada 2018 púxose en marcha este luns en Pontevedra. O Centro Príncipe Felipe da Deputación de Pontevedra é o cuartel xeral elixido polo proxecto presidido por José Luis Chamorro para esta convivencia e entre os corredores que están concentrados nas instalacións situadas na capital provincial atópanse as dúas últimas fichaxes. O colombiano Cristian Cuervo e o madrileño Jorge González xa se adestran ás ordes do director deportivo Iván Rodríguez.

Estes dous ciclistas de 22 anos recalaron na estrutura miñorana procedentes do E.C. Cartucho.es. Cuervo é un corredor moi lixeiro que ofreceu o seu mellor rendemento en probas montañosas. Este escalador nado en Cali tamén defendeu desde a súa chegada ao ciclismo español as camisolas do Deputación de León – Arte en Transfer e do Caja Rural.

Pola súa banda, González completou a súa etapa de formación no C. C. Iplace e no C.C. Torrejón antes de pasar a formar parte do E.C. Cartucho.es. Coa escuadra madrileña destacou pola súa explosividade e pola súa rapidez en grupos reducidos. A pasada campaña impúxose no V Trofeo Virxe do Rosario en Boadilla del Monte e durante o calendario de ciclocrós obtivo a segunda posición no campionato autonómico. Para preparar a nova tempada participou durante este último fin de semana no Campionato de España de ciclocrós disputado en Legazpi.

Acompañados polo xerente Gerardo Chamorro estes dous reforzos do conxunto do Val Miñor visitaron antes de viaxar a Galicia as instalacións de Michelin España na Comunidade de Madrid. Alí foron recibidos por César Cárdenas, director da liña de produtos de ciclismo desta prestixiosa firma colaboradora do Club Ciclista Rías Baixas.

A concentración do equipo en Pontevedra prolongarase ata o vindeiro luns. A acumulación de quilómetros está acompañada de charlas impartidas por expertos en alimentación, adestramentos, mecánica, comunicación e táctica. Ademais, os corredores someteranse ás probas de esforzo e á revisión médica que efectuará CardioBaiona, a través do seu máximo responsable o Dr. Diego Fernández Redondo.

O programa de actividades destas xornadas completarase cunha visita ao Bufete Gándara Moure. Neste despacho de avogados en Vigo os ciclistas asinarán o código ético do club, elaborado a través dun sistema de ‘compliance’ co que se busca a excelencia como entidade deportiva para ofrecer as máximas garantías ás empresas que apostan por este proxecto.

Anuncios