Anuncios
Ticker de novas

“Nando” mostra o seu agradecemento ás miles de persoas que visitaron o Belén artesanal de Gondomar

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Un grupo de visitantes contempla o Belén elaborado por "Nando".

Miles de persoas achegáronse no mes de decembro e nos primeiros días de xaneiro ata o Auditorio Lois Tobío de Gondomar para contemplar o Belén artesanal elaborado por Fernando Fernández Penedo, máis coñecido como “Nando”, natural de Baiona aínda que na actualidade veciño da parroquia de Borreiros.

A espectacular recreación do Nacemento de Xesús, de 44 metros cadrados e cunhas 120 figuras en movemento das máis de 300 que o compoñían, foi realizado con materiais reciclados, e grazas aos máis de 100 motores reutilizados de microondas e 800 metros de cableado o seu autor consegue que os personaxes cobren vida.

Este ano destacou Roma, cun castelo de 1,20x70x65, o circo romano con 84 columnas e un viaduto. Tamén estivo representado Belén, Nazaret e a fuxida a Exipto. Multitude de detalles con edificacións, fontes, un río, un lagar, unha destilería e unha pousada, carpinteiros, ferreiros, panadeiros, lavandeiras, pescadores, un muíño, un mercado e ata un campo de bolos celtas. Non faltou por suposto o pesebre e os tres Reis Magos.

“Quero dar as grazas ás miles de persoas que visitaron o Belén artesanal de Gondomar, e tamén ao Concello pola súa colaboración, e a todas as persoas que escribiron no libro de visitas”, sinalou este venres “Nando”.

A gran maqueta permaneceu aberta ao público desde o 16 de decembro, día no que foi inaugurada, ata o día 7 de xaneiro, cando se clausurou.

Fernando leva máis de 20 anos como afeccionado belenista. O seu primeiro Belén ocupou unha mesa de 80×80, e tras triplicar o seu tamaño xa o segundo, co paso dos anos chegou a ocupar os 20 metros cadrados do seu garaxe.

Por segundo ano consecutivo, a petición do alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, a súa espectacular recreación do Nacemento de Xesús trasladouse ao corredor lateral do Auditorio Lois Tobío, para que veciños e visitantes puidesen contemplalo e gozalo.

Comezou a montaxe do Belén o 7 de decembro, dedicando 12 horas diarias á súa construción ata o venres 15. Tamén prepara o gran nacemento que ano tras ano se expón no Centro Sociocultural de Valladares, e este Nadal tamén o do Mercado de Teis. Agora, toca pensar no deseño do próximo ano.

Anuncios