Javier Akerman abrirá o III Ciclo de Conferencias de Saúde e Benestar de Baiona

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Javier Akerman nas Conferencias de Saúde e Benestar de Baiona.

Por terceiro ano consecutivo, o Concello de Baiona, a través da Concellería de Benestar e Igualdade, segue apostando pola divulgación científica que contribúe a dar pautas de prevención no ámbito da saúde e o benestar.

Falamos do III Ciclo de Conferencias sobre Benestar e Saúde no que durante 6 meses, 6 profesionais de diferentes disciplinas da saúde achegarán e compartirán coñecementos acerca de estratexias e recomendacións que contribúan a mellorar o noso benestar.

Dirixidas a toda a poboación, e especialmente ao colectivo de persoas adultas, as conferencias xestiónanse cun obxectivo claro, contribuír a unha educación para a saúde que oriente ás persoas asistentes para alcanzar unha vida máis saudable a través de contidos e pautas de acción.

Un ano máis contan coa presenza de Javier Akerman para a conferencia inaugural. Outros relatores axudarán aos asistentes para achegarse a outras disciplinas: oftalmoloxía, nutrición, fisioterapia e enfermería, dermatoloxía e psicoloxía; profesionais que achegan e comparten os seus coñecementos e experiencias desde unha colaboración desinteresada e co maior interese de achegar solucións prácticas para a vida diaria.

O poder de convocatoria desta actividade (demostrado nas anteriores edicións) confire a este Ciclo a garantía dunha participación aberta e multidisciplinar.

Será pois Javier Akerman quen o 19 de xaneiro ás 19:30 horas en Capitanía Marítima, sita en Rúa Elduayen nº 20, inicie este ano 2018 o Ciclo. O relator centrará a súa conferencia en “A dimensión espiritual da enfermidade. A sanación interior”.

As posteriores conferencias trasladaranse ao Auditorio da Casa da Navegación.

O venres 23 de febreiro estará a cargo do Dr. Alawi Al Foad (Oftalmólogo), que falará da prevención a través dun tema moi interesante a ter en conta na era dixital, a sociedade da comunicación. A súa conferencia levará por título “Saúde ocular fronte ás pantallas”.

Gloria Pérez farase co relatorio do mes de marzo o venres día 16 baixo o título “ Ho, oponopono como filosofía de vida”, unha vez máis, a apertura a novas disciplinas no ámbito da prevención e calidade de vida na educación para a saúde posiciónanos como receptores de novas estratexias de vida saudable.

No mes de abril, concretamente o día 20, Moisés López (Fisioterapeuta e Enfermeiro) falará de “Saúde e exercicio, traballar desde a prevención”.

O Dr. J. Luis Pozo Carballido (Dermatólogo) fará un repaso acerca de como debemos interpretar os síntomas que aparecen na pel, as causas, e a prevención de posibles patoloxías, “A nosa pel fálanos”. Neste caso a cita será o 18 de maio.

Para finalizar, no mes de xuño contarán coa presenza de Ruth Rokiski (Psicóloga- Psicoterapeuta, Psicodramatista, Terapeuta familiar e de parella), que o venres 15 de ensinará “Como vivir sen ansiolíticos nin antidepresivos”.

Anuncios