Os alcaldes de Nigrán e Gondomar reclaman á Xunta un “Plan Concellos” como o da Deputación

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Juan González e Paco Ferreira.

Juan González, alcalde de Nigrán e Paco Ferreira, alcalde de Gondomar, consideran fundamental o Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, que puxo en marcha Carmela Silva, como unha peza básica dos orzamentos dos seus concellos para poder desenvolver novas infraestruturas e novas iniciativas sociais ou culturais. “A dispoñibilidade destes recursos de xeito anual permite que sexa cada un dos concellos, quen de xeito autónomo, o que poida xestionar os recursos e poder expoñer proxectos necesarios e importantes a cada una das súas localidades”, recordan os alcaldes.

As axudas recibidas a través do novo modelo de Plan Concellos permiten que cada concello poida mellorar os seus recursos e infraestruturas, feito que se repercute nos veciños e veciñas. “Este novo modelo da Deputación de Pontevedra é obxectivo, xa que os criterios de reparto son claros e precisos, en base á poboación e dimensión dos concellos. Todos os municipios, independentemente da cor política, saben os recursos dos que dispoñen e poden decidir sobre eles. Trátase dun novo xeito de facer política que se diferenza notablemente do realizado na etapa anterior polo ex presidente Louzán, quen repartía os recursos sen criterios e aplicando unha política “de Rei Mago” distribuíndo os fondos en función de filias e fobias e sen entender as necesidades reais dos municipios”, recalcan os alcaldes.

Ambos os dous rexedores recordan que as súas localidades puideron contar con máis de 3,5 millóns de euros nos dous últimos anos con cargo aos fondos da Deputación pero con total liberdade para decidir onde os investían.

González e Ferreira coinciden en defender e apoiar este novo sistema de reparto das axudas e propoñen que dende o PSdeG-PSOE se convoque a todos os alcaldes de Galicia na sede da FEGAMP para solicitar á Xunta de Galicia un “Plan Concellos” exactamente igual que o que está aplicando a Deputación de Pontevedra, é dicir, con criterios obxectivos e que lle permitan aos Concellos investir en dar resposta ás necesidades reais dos cidadáns.

Anuncios