A Gran Cabalgata de Reis de Baiona repartirá 2.000 quilos de caramelos

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Cabalgata de Reis en Baiona.

O Concello de Baiona ten todo a punto para a Gran Cabalgata de Reis. As Súas Maxestades tirarán na vila real uns 2.000 Kg de caramelos aptos para celíacos nos máis de dous quilómetros de percorrido e os pequenos que lles entreguen persoalmente a carta recibirán un pequeno obsequio.

Como vén sendo tradición en Baiona mañá pola tarde a Cabalgata de Reis percorrerá as principais rúas da vila. Ás 17:00 horas as tres carrozas das Súas Maxestades sairán da rotonda da Urbanización Ponte Romano percorrendo as principais rúas da parroquia de Santa Cristina, pola Avenida Julián Valverde, pasando pola Praza Victoria Cadaval, seguindo pola rúa Porta do Sol e pola Avenida Urbana ata chegar á Praia de Santa Marta.

Ás 18:00 horas partirá a Gran Cabalgata de Reis cara ao centro da localidade. Sairá da Praia Santa Marta e percorrerá a Avenida Monterreal, Alférez Barreiro, Paseo Elduayen, Carabela Pinta, Glorieta de Colón, e Marqués de Quintanar ata o Pavillón de Deportes, onde os Reis serán recibidos polo Alcalde de Baiona. A recepción real organizada pola Concellería de Cultura outorga aos nenos a oportunidade de falar directamente con Melchor, Gaspar e Baltasar para transmitirlles os seus desexos. Todos aqueles que se acheguen a charlar coas Súas Maxestades recibirán un pequeno agasallo.

A comitiva principal estará composta por uns 6 módulos, e contará con máis de 300 participantes. Estará encabezada pola Rondalla do Centro Cultural “A Merced” de Chaín (Gondomar) con 80 compoñentes, seguidos pola Rondalla de Freixo de Valladares con máis de 70 participantes. Continuará a carroza do Baíña Fútbol Sala con 50 membros, seguida da Carroza do Erizana Club de Fútbol Club de Baiona con 30 compoñentes e a Escola de Baile Marcando Pasos e a Escola Deportiva Sey de Nigrán cun total de 60 integrantes. Así mesmo este ano contará tamén coa colaboración da Pedalería de Baiona e os seus triciclos tan característicos.

En canto a animación o Concello de Baiona apostou polo grupo Troula Animación e Animarte que acompañarán abrindo as carrozas das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente con zancudos, patinadoras, un boneco de neve e percusionistas, que abrirán e ambientarán o séquito das carrozas que corren a cargo, un ano máis, de “La Festa Escénica” e cuxa temática será “Mundo Máxico”.

INFOGRAFÍA DAS CARROZAS DE REIS DE BAIONA
FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Infografía das Carrozas.
Anuncios