Acode a Baiona para colaborar nun evento deportivo e tócalle un coche de rally

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Javier Soliño entrega a chave do coche a Diego Losada.

Chámase Diego Losada. É un mozo de 23 anos de Ponferrada que o pasado mes de decembro acudía a Baiona cos seus compañeiros da Brilat, con sede en Figueirido, para colaborar na organización da XIX edición do Cros Escolar do Val Miñor. Antes do inicio da proba, foron almorzar a Wetsports Ladeira, moi preto do lugar no que se celebra o evento deportivo, e alí decidiron comprar unhas rifas para o sorteo dun coche de rally. Quen lle ía a dicir que sería o posuidor da papeleta cuxas tres últimas cifras coincidirían coas do primeiro premio do sorteo da Lotería Nacional de Nadal, converténdolle en gañador do vehículo, un Peugeot 206 GTI preparado para a competición.

A iniciativa foi posta en marcha por Solitec Motorsport, de Vigo, co obxectivo de obter financiamento para volver ás carreiras no 2018. “É a primeira vez que o facemos. Fai sete anos que non corro, e pensando na maneira de auto patrocinarme, xurdiu esta tolemia”, sinala Javier Soliño. “Este era o coche co que pensabamos correr, pero como non había diñeiro sorteámolo e imos correr cun Sxara, que é moitísimo máis económico”.

A papeleta de Diego foi a gañadora entre as 1.000 participacións vendidas, a 10 euros cada unha, en distintos establecementos da área metropolitana. Na zona do Val Miñor, o único punto de venda foi Wetsports Ladeira. “Sempre me gustou o mundo das carreiras, por amigos e familiares que corren. Collín tres rifas, dúas eran para familiares e unha para min. Cando me chamaron os meus compañeiros non mo cría, ata que me chamaron de Solitec, e supercontento”, comentaba o mozo este martes tras chegar a Baiona a recoller o seu premio.

O Peugeot 206 GTI está homologado para rallyes, con barras anti envorco multipunto, backets novos, arneses novos, freo de man hidráulico novo, suspensión Bilstein roscadas de vástago gordo novas, colectores inox 4-1 novos, peches de capó con chave, grella e cuneteiros.

Anuncios