Baiona ilumina os pasos de peóns da PO-552

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Un dos pasos de peóns coa nova iluminación en Sabarís.

Nos últimos anos a Concellería de Iluminación de Baiona traballou pola mellora da iluminación en canto á eficiencia enerxética chegando a conseguir unha redución económica superior aos 100.000 euros. Tamén se realizaron traballos relativos á seguridade realizando un forte investimento na mellora dos cadros de iluminación pública e as súas proteccións, evitando así derivacións que poidan causar danos eléctricos.

Seguindo nesta liña o goberno local centrouse nos últimos días en mellorar a seguridade viaria mediante a mellora de iluminación en 17 cruces peonís en diferentes puntos da PO-552, concretamente 7 deles localizados no centro do municipio e 10 na parroquia de Santa Cristina da Ramallosa.

Estas melloras fixéronse cun orzamento de 10.000 euros, e consistiron na instalación de 17 luminarias de tecnoloxía LED cunha distribución específica de luz adecuada para a zona para iluminar. Tolo iso foi realizado seguindo as esixencias establecidas para a iluminación adicional nos pasos de peóns que se detallan no Regulamento de Eficiencia Enerxética para instalacións de Iluminación Exterior.

Así pois, nos pasos peonís de Baiona, instaláronse 4 luminarias de 96 LED sobre columnas de iluminación existentes, e outras 3 luminarias de 96 LED sobre 3 columnas novas, para reforzar a iluminación.

Seguindo os mesmos criterios, nos pasos de peóns de Sabarís, instaláronse 8 luminarias de 128 LED e 2 de 96 W LED sobre as columnas de iluminación existentes, así como 3 luminarias de 96 LED sobre 3 novas columnas de iluminación.

Con esta actuación, mellórase a seguridade tanto no plano horizontal como no vertical, proporcionando un nivel alto de iluminancia ao peón, creando un contraste visible entre o paso de peóns e a superficie da estrada evitando que os peóns queden en penumbra. A luz focalízase sobre o peón iluminando tamén as zonas de acceso da beirarrúa de tal maneira que o condutor pode advertir a presenza do peón.

Con esta actuación conséguese incrementar a seguridade na circulación, unha boa sinalización dos viarios, e contribuír a regular o tránsito de vehículos e peóns, conseguindo mellorar a mobilidade dos vehículos e cidadáns.

O Alcalde, que dirixe o departamento de Seguridade Cidadá, e o Concelleiro de Electricidade, José Ángel Bahamonde, sinalaron que o obxectivo é “mellorar a iluminación dunha estrada que ten un gran volume de circulación, buscar a seguridade viaria dos peóns e ofrecer máis visibilidade aos condutores”.