
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar 21 convenios enmarcados no Plan de Reequilibrio dos concellos da provincia, impulsado pola institución. Estes convenios, 21 dos 25 beneficiarios do plan, permitirán aos municipios poñer en marcha proxectos singulares e asinaranse o vindeiro 28 de decembro no Pazo Provincial.
A presidenta Carmela Silva destacou que “falamos de convenios para proxectos na provincia por valor de 10,8 millóns de euros, en concreto 10.810.089,86, que permitirán a 21 concellos impulsar proxectos e dotacións singulares na mellora do equilibrio territorial”. Silva detallou que os convenios aprobados na Xunta de Goberno correspóndense cos concellos de Barro, Campo Lameiro, A Cañiza, Catoira, Covelo, Crecente, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Illa de Arousa, Meis, Mondariz, Moraña, Ponte Caldelas, Pontecesures, O Porriño, Rodeiro, Silleda, Soutomaior e Vilaboa e que soamente faltan por aprobar os correspondentes a Bueu, Caldas, As Neves e Nigrán.
A Deputación destinará a Gondomar 639.056,65 euros para realizar a reforma da praza da Paradela e da súa contorna, cuxo orzamento total é de 798.820,74 euros; e ao Grove 1.500.000 euros para levar a cabo a actuación do proxecto de auditorio e escola de música, cun custe total de 4.318.266,85 euros.
O Plan de Reequilibrio é unha iniciativa, con bases claras, transparentes e obxectivas, dirixida aos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia, para poñer en marcha novos investimentos en dotacións singulares na mellora do equilibrio territorial. Máis polo miúdo, a través do plan, os 25 concellos beneficiarios poderán poñer en marcha grandes equipamento e dotacións, centradas na ocupación do espazo público pola cidadanía, cambiando o modelo de trama urbana, impulsando as humanizacións así como equipamentos e dotacións deportivas, culturais, sociais ou de lecer e ocio, para dar resposta á situación de falta de equilibrio entre os concellos da provincia por mor das decisións arbitrarias dos anteriores gobernos.
Os proxectos enmarcados no Plan de Reequilibrio da Deputación de Pontevedra deberán estar iniciados antes do 30 de xuño de 2018 e rematado antes do 30 de xuño do 2019.