O Concello de Gondomar participa do Plan de Compostaxe Comunitaria que a Deputación Provincial de Pontevedra puxo en marcha a primeiros deste mandato. Despois da implantación de dúas zonas de compostaxe urbana no centro da Vila de Gondomar, que comezaron a funcionar no mes de xuño, hoxe o concelleiro de Medio Ambiente, Antonio Araújo, anuncia xa a primeira colleita do compost producido de xeito comunitario no Concello de Gondomar. “Un compost de primeira calidade, producido baixo o control dos Mestres Composteiros que a Deputación Provincial pon a disposición dos concellos participantes no devandito programa, e obviamente, grazas á colaboración da veciñanza sen a cal non sería posible”.
“Con este programa o Concello de Gondomar estase adiantando á Normativa Comunitaria segundo a cal, antes do 2020 a fracción de biorresiduos da bolsa do lixo (un 42% da mesma) ten que se reciclar nun 50%. Nesa mesma liña xa comezamos a tramitar a adhesión a un novo programa da Deputación coa finalidade de aumentar a implantación deste sistema que pon en valor os residuos orgánicos que producimos nas nosas casas”, engade o concelleiro de Medio Ambiente.
Esta primeira produción de compost, arredor de 150kg, repartirase a mediados de xaneiro entre as persoas anotadas e que participaron no proxecto e para o cal serán convocadas expresamente. Os sobrantes poderían ser utilizados no tratamento dos xardíns municipais ou repartilos ao público en xeral.
“Con isto o que se pretende e revalorizar un elemento tan importante como son os restos orgánicos que producimos nas nosas vivendas, e sobre todo, animar á veciñanza a participar neste tipo de iniciativas que apostan por un Medio Ambiente sustentable”, conclúe Araújo.

