Este xoves elevouse ao Pleno do Concello de Baiona a nova ordenanza do Servizo de Axuda a Domicilio. Unha das modificacións que contempla é a gratuidade do servizo de teleasistencia, que permite a persoas de avanzada idade ou con algún tipo de diversidade funcional manter a súa independencia e continuar vivindo no seu domicilio con tranquilidade e seguridade, coa consecuente mellora na súa calidade de vida.
Ante unha situación de emerxencia no fogar, con só pulsar un botón, os e as usuarias reciben asistencia inmediata, 24 horas ao día e 365 días ao ano, mobilizando os recursos necesarios para dar solución ao problema. Isto é posible grazas a un terminal asociado á liña telefónica, que se instala nos domicilios e que permite establecer unha comunicación directa desde calquera punto da casa, similar ao sistema de “mans libres” dos teléfonos móbiles.
Así mesmo, a través do centro de atención deste programa préstanse servizos de apoio inmediato a demandas de angustia, soidade, accidentes domésticos, mobilización de recursos ante situacións de emerxencia sanitaria, persoal ou social, xestiónanse axendas para lembrar á persoa usuaria datos importantes sobre toma de medicación ou realización de xestións e tamén se realizan seguimentos permanentes mediante chamadas telefónicas periódicas. O servizo complétase con visitas regulares aos usuarios e usuarias co obxectivo de acompañar a estas persoas e así minimizar o sentimento de soidade e illamento ao que moitas vense abocadas.
O obxectivo fundamental do servizo de teleasistencia é permitir a permanencia das persoas usuarias no seu medio de vida habitual e o contacto permanente coa súa contorna socio-familiar, evitando o illamento social, a soidade e asegurando a intervención inmediata ante situacións críticas, o que repercute moi positivamente na calidade de vida destas persoas.
A Concellería de Servizos Sociais do Concello de Baiona organiza en colaboración coa Deputación de Pontevedra unha sesión informativa sobre teleasistencia domiciliaria o vindeiro luns, 18 de decembro, ás 11:00 horas no auditorio do Museo da Navegación, situado na rúa Ventura Misa, 17.
Esta charla informativa ten por obxecto dar a coñecer aos veciños a importancia do servizo dentro do catálogo de prestacións de atención á dependencia.
A solicitude da teleasistencia domiciliaria pódese realizar nas oficinas de Servizos Sociais do Concello, sita na planta baixa da casa consistorial, previa solicitude de cita no teléfono 986 38 59 26.

