Detectan valores máximos de aluminio na rede de abastecemento de Baiona

O Servizo de Control de Riscos Ambientais da Consellería de Sanidade informou hoxe do resultado das últimas mostras tomadas polos técnicos e que revelan que na rede de abastecemento no barrio vigués de Canido se superaron os valores máximos sanitarios establecidos na normativa vixente da auga de consumo humano.

Os controis preventivos realizados confirman parámetros por riba das 600 partes por billón de ferro na rede viguesa de Canido, concretamente 724 ppb. Así mesmo, tamén apuntan a unha elevación do indicador de aluminio en varios puntos da rede de Baiona, que os técnicos vincularon cos reactivos utilizados para combater a turbidez xerada tralas intensas choivas do pasado domingo.

Cómpre lembrar que a partir dos parámetros de 200 partes por billón de ferro se deben adoptar medidas correctoras para recuperar a calidade aceptable para a autoridade sanitaria. A partir de 300 esas medidas deben ser de rápida aplicación.

A este respecto, a responsable do Servizo de Control de Riscos Ambientais lembrou que para declarar a auga non apta para o consumo precísanse dúas analíticas consecutivas con valores superiores os máximos referenciados, é dicir por riba dos 600 ppb coma é o caso da rede de Canido. En todo caso, confirmou que todas as mostraxes son fiables o cento por cento e tan válidas as do primeiro coma as do segundo día. “Ambos son valores definitivos e igual de válidos, pese a que os resultados sexan distintos”, insistiu.

A técnico, que compareceu en rolda de prensa xunto a xefa territorial da Consellería de Sanidade, apuntou que o nivel de ferro permanece por riba dos 300 ppb en varios puntos dos concellos da área metropolitana. Así se notificou os respectivos concellos afectados aos que se lles reclamou aplicar canto antes as medidas correctoras que correspondan.

Durante estes días, nalgúns puntos dos abastecementos dos concellos da área territorial de Vigo, como é o caso de Vigo, Moaña, Redondela, Soutomaior e o Consorcio do Louro (abastece a O Porriño), se alcanzaron ou superaron os valores máximos permitidos, incumprindo algúns dos parámetros que se fixan para garantir a calidade da auga como son a cor, o ferro e a turbidez (600 partes por billón de ferro, 6 UNF de turbidez e 30 PT-COL/L de cor).

A técnico non pasou por alto que a calidade da auga segue a ser cuestionable, tendo en conta que se seguen a superar os niveis considerados óptimos. Neste senso, se ben recoñeceu que se observa unha tendencia a baixa nos valores de ferro na área de Vigo, recordou que todas as mostraxes desde principios de novembro situáronse por riba dos 200 partes por billón.

Pola súa banda, a xefa territorial da Consellería defendeu o papel dos técnicos sanitarios, cuxa competencia dixo “é incuestionable”. As mostras recollidas polos técnicos de Sanidade analízanse no Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, único laboratorio público de referencia en materia de saúde e acreditado pola ENAC para a matriz de auga de consumo humano e os analitos, mediante unha PNT baseada na Norma UNE-EN ISO 17294-1.

“Os profesionais do departamento actúan en todo momento a nivel técnico e evidentemente non seguen o ditado dependendo da cor política do goberno de quenda”, sinalou. Extremo que referendou a xefa do Servizo de Control de Riscos Ambientais, quen defendeu o seu traballo e do resto de inspectores. “Actuamos única e exclusivamente baixo rigor técnico”, anotou.

Maior vixilancia

A xefa do Servizo de Control de Riscos Ambientais apuntou que a Xunta permanecerá vixiante extremando os seus controis e insistiu en que xa se instou ás concesionarias municipais a tomar medidas correctoras urxentes para reverter esta situación. “Están a medirse valores moi elevados que levan a extremar a vixilancia”, dixo, para sinalar que en ningún caso a situación é de alerta sanitaria.

Pola súa banda, a xefa territorial de Sanidade recordou que os inspectores sanitarios recollen mostras ao longo de todo o ano, se ben agora se fai con maior intensidade dado que a situación así o require. “Analizaremos a tendencia dos valores recadados e en función dos resultados iremos trazando o plan de acción”, dixo, ao tempo que sinalou que confían en que a situación tenda a estabilizarse trala recuperación do nivel dos encoros.

Sanidade mantén activos os seus controis cunha frecuencia máis elevada do habitual, malia que a competencia neste eido sexa dos concellos, que son os que deben garantir a calidade da auga e informar consecuentemente á autoridade sanitaria de calquera anomalía que detecte a concesionaria no subministro do servizo municipal.