A Coordinadora Estatal en Defensa polo Sistema Público de Pensións, da que Modepen é parte integrante, convoca unha xornada de loita en todo o Estado o sábado 13 de abril. No Val Miñor hai convocada unha mobilización ás 12:00 na Alameda da Ramallosa, en Nigrán, á que chaman á participación de todos os cidadáns e en especial aos movementos sociais, sindicatos e partidos que o consideren.
“As nosas mobilizacións están relacionadas polo xeral coas pensións si, pero non tanto coas nosas pensións, senón, coas das xeracións vindeiras, xa que nos preocupa sobre todo o Sistema Público de Pensións a medio e longo prazo. Entendemos que a situación xeral vai moito máis alá das pensións, pois é claramente visible, a degradación e perda de dereitos e liberdades en todos os aspectos, que a sociedade en xeral está sufrindo no noso país”, sinalan desde Modepen, por iso fan un chamamento a todos, “para reverter esta degradación dos nosos dereitos e liberdades que sufrimos especialmente nos últimos dez anos”.
“Salgamos á rúa, -continúan desde o colectivo- contra os ataques ás pensións, os recortes en sanidade, educación e dependencia, contra a violencia de xénero, contra a corrupción que impregna as Institucións, contra a politización da xustiza e a xudialización da política, contra as sentenzas machistas e tendenciosas, contra este sistema económico que nos escraviza, contra o pago da débeda inxusta, contra ese fascismo que percorre Europa e entrou nas nosas Institucións o pasado día 2 de decembro”.
“Sabemos que con esta concentración pechamos un ciclo xa que ata pasadas as eleccións non sería posible convocar algo similar, é por iso que cremos moi importante o que fósemos capaces que o día 13 de abril puidésemos confluír todos os movementos sociais activos na concentración convocada. Pensamos que os cambios que necesitamos é tarefa de todos”, conclúen.

