Almuiña avoga pola colaboración entre administracións e cidadanía para resolver o problema do botellón

Botellón na contorna da Capela de San Campio na Ramallosa.

“Son consciente de que o problema do botellón é complexo e que só dende a colaboración entre administracións, entidades do terceiro sector e cidadanía o poderemos resolver”. Así o remarcou o titular da carteira sanitaria do Executivo galego, Jesús Vázquez Almuiña, no acto de clasura do Foro Profesional: Solucións concretas no problema do Botellón, que organizou a Fundación Galega contra o Narcotráfico xunto coa Consellería de Sanidade e o Concello de Ourense.

A procura de solucións e alternativas de lecer fronte ao botellón non pode ser abordada, -dixo Almuiña-, dende un só punto de vista, “teñen que considerarse de forma transversal todos os aspectos que o promoven e o condicionan, así como todo o abano de consecuencias derivadas”.

Dende o ámbito da saúde, -remarcou o conselleiro-, “vemos con preocupación como algunhas propostas non teñen esta visión integral e tenden a tratar de minimizar so os aspectos urbanos do problema con iniciativas que, obviando a saúde, tenden a ocultar ou desviar o problema, afastándoo dos núcleos de poboación que se sinten afectados, coa errónea idea de que, se a cidadanía non protesta ou non percibe o problema, este é menor”.

Neste acto, o máximo responsable sanitario fixo un chamamento á responsabilidade parental, ás familias. No caso de adolescentes menores de idade, teñen que exercer, -proseguíu Almuiña-, “un papel determinante na protección da súa saúde. Non podemos esquecer que é un grupo cada vez máis reducido nunha poboación con moi baixa natalidade e un alto envellecemento. Eles son o noso futuro”, -subliñou o conselleiro-.

“Como responsable sanitario, o que me preocupa de verdade é todo aquilo que, dentro deste fenómeno, signifique un impacto negativo sobre a saúde, en particular o consumo de alcohol e outras substancias como o cannabis ou o tabaco. Especialmente, naquelas persoas máis novas, cun sistema nervioso central aínda en fase de desenvolvemento e maduración e, por tanto, sensible a lesións, e coas consecuencias a curto, medio e longo prazo que todos coñecen, -incidiu Almuiña-.

Anuncios