Cortada a rúa Cruz de Mera en Gondomar pola caída de parte da fachada dun edificio

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Os restos da cornixa permanecen sobre a calzada.

A rúa Cruz de Mera en Gondomar permanece cortada tanto para os peóns como para o tráfico rodado tras desprenderse parte da fachada dun dos edificios. O suceso produciuse ás 22:30 horas da pasada noite a consecuencia probablemente dos fortes refachos de vento producidos pola borrasca “Ana”.

Restos da cornixa do inmoble número 2 precipitáronse á calzada, sen que se producisen danos persoais. Segundo informou o alcalde, Paco Ferreira, que acudiu ao lugar, procedeuse inmediatamente a acordoar a zona por precaución. Así mesmo, o rexedor sinala que agora se está á espera de que a Comunidade de Propietarios contacte co seu seguro para que se faga cargo dos traballos necesarios para restablecer a seguridade.

Ferreira advertiu que deberá ser retirado tamén o resto da cornixa para evitar máis desprendementos. Mentres, a zona permanecerá valada, e tan só pódese acceder ao inmoble e aos baixos comerciais, entre eles a oficina de Correos, por un paso habilitado baixo os soportais.

Anuncios