Os mellores xogadores e clubs de bolos celta reúnense na Carrasca

A Federación Galega de Bolos, con Isidro Costas e José Rodríguez á cabeza, celebrou este sábado no hotel A Queimada da Carrasca (Parada-Nigrán), a gala de entrega de trofeos e diplomas aos vencedores dos distintos torneos, campionatos e competicións de bolos celebradas durante o ano 2017. Tamén se entregaron os trofeos correspondentes ao Torneo de Nadal da tempada pasada.

O bolo celta, coas súas variedades, deporte milenario, practícase en distintas zonas de Galicia repartidas polas catro provincias. Tamén se practica en ultramar, concretamente en centros galegos de Bos Aires e Montevideo, deporte levado a eses lares polos emigrantes do Val Miñor neses países. Con outra variante e sistema de xogo, tamén se practica no noroeste de Asturias e Madrid.

Entregáronse un total de 72 trofeos e os seus correspondentes diplomas. Todos os galardoados, xogadores e clubs, pertencen á comunidade galega, en maior parte á provincia de Pontevedra e máis concretamente á zona sur. Tamén xogadores e clubs das provincias da Coruña e Lugo.

Durante o acto tamén se lembrou a Francisco Álvarez (Paco), xogador do Centro Galego de Bos Aires (Arxentina), e que ademais nalgún momento presidiu a Asociación Arxentina de Bolos. Tras un minuto de silencio na súa memoria e na de todas aquelas persoas relacionadas coa familia dos bolos que nos deixaron durante o ano, proxectáronse algunhas fotos dos distintos campionatos nacionais, rexionais e locais celebrados durante o 2017.

Unha vez finalizada a presentación fotográfica comezou a entrega de galardóns, da man do alcalde e a concelleira de Deportes de Baiona, Ángel Rodal e Mª Jesús Martíns, Rubén Rial en representación do Concello de Nigrán, Consuelo Besada, deputada de Deportes da Deputación de Pontevedra, Daniel Benavides, delegado provincial de deportes da Xunta de Galicia, e o presidente e membros da Federación Galega de Bolos.

Primeiro entregáronse os diplomas do Torneo Intermodal Galego e dos Campionatos de España, nos que xa se fixeron entrega dos trofeos no seu día. Seguidamente os trofeos e diplomas dos Campionatos de España de categoría xuvenil, modalidades individual e por parellas. Finalmente entregáronse os trofeos e diplomas dos diversos Campionatos Galegos do ano 2017.

O II Trofeo Galaico da Federación Galega de Bolos foi concedido este ano á Deputación de Pontevedra e a ValmiñorTV.

Ao finalizar a gala, conducida por Pepe Costas, celebrouse unha cea-baile na que participaron xogadores, directivos e persoas afíns aos bolos.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.