O vento derruba senllas árbores na PO-552 en Nigrán e na PO-331 entre Gondomar e O Porriño

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ // A árbore caída na PO-552 en Nigrán.

Os fortes refachos de vento que trae a borrasca “Ana” comezan a deixar os primeiros incidentes. Pasadas as 12:00 do mediodía, unha árbore precipitábase sobre a PO-552 en Nigrán, xunto ás instalacións deportivas de Ureca, nas proximidades da rotonda de entrada e saída á autoestrada AG-57, causando danos nun vehículo que se atopaba estacionado na zona. Ata o lugar desprazouse unha patrulla da Policía Local e o GES de Val Miñor, que foi o encargado de retirar o tronco da calzada. A rápida intervención non produciu apenas retencións.

Ao redor das 13:00 horas, rexistrábase a caída doutra árbore sobre o tendido eléctrico no quilómetro 7 da PO-331 que une Gondomar e O Porriño, polo que se tivo que cortar o tráfico en ambos os dous sentidos. Bombeiros do Porriño, Garda Civil, Protección Civil e Emerxencias de Mos, ademais de mantemento de estradas, acudiron ao lugar á espera dun vehículo de altura para poder retiralo.

Segundo informou a Axencia Estatal de Meteoroloxía, a partir das 18:00 horas de hoxe elévase o nivel de alerta a vermello nas Rías Baixas, no Miño e no interior da provincia de Pontevedra, na montaña de Ourense e na montaña de Lugo, con refachos de vento que poden alcanzar o 140 km/h.

Produciranse precipitacións abundantes en gran parte do territorio peninsular, que poderán ser localmente fortes e/ou persistentes sobre todo no noroeste e en zonas montañosas, onde poderían alcanzarse os 80-100 mm en todo o episodio, especialmente en Galicia.

Tamén será significativo o mal estado da mar afectando a todas as zonas costeiras e marítimas ao redor da Península e Baleares. Espéranse ventos do oeste e suroeste forza 7 a 8, ocasionalmente 9, nas costas de Galicia e Cantábrico, con ondas de mar combinada de 5 a 7 metros.