A estación de Meteogalicia en Oia rexistrou refachos de vento de ata 150,3 km/h

A borrasca “Ana” provocou que varios puntos da xeografía galega rexistraran máis choivas este domingo que en todo o pasado mes de novembro. Segundo os datos das estacións de Meteogalicia, numerosas zonas de Galicia excederon os 100 litros de auga por metro cadrado.

Ponte Caldelas (Pontevedra) foi o punto onde máis auga caeu con máis de 160,8 litros por metro cadrado, seguido por Entrimo (Lugo) con 154,3, Fornelos de Montes (Pontevedra) con 144, Lousame (A Coruña) con 140,6 e Abadín (Lugo) con 133,2.

En canto ao vento, o maior refacho con datos actualizados ata as 21:00 horas, rexistrouse en Manzaneda (Ourense) ás 19:30 horas, onde chegou a soprar a unha velocidade de 152,1 km/ h. Cedeira (A Coruña) -150,5-, Oia (Pontevedra) -150,3-, Viveiro (Lugo) -144,9- e Carballeda de Valdeorras (Ourense) -142-, foron outros dos puntos de Galicia onde os refachos de vento foron máis fortes.

Segundo os datos de Meteogalicia ata as 20:00 horas, en Santiago de Compostela alcanzáronse 85 litros por metro cadrado e rexistráronse refachos de vento de 85 km/h. En Pontevedra caeron 69 litros e sopraron ventos de 78 km/h, mentres que na cidade de Vigo alcanzáronse refachos de 94 km/h e precipitacións con valores de 48 litros por metro cadrado.

A Coruña e Ferrol rexistraron niveis de choiva similares con 33 e 35 litros, respectivamente. Os ventos foron máis fortes na cidade herculina, onde chegaron a rexistrarse refachos de 91 km/h, fronte ao 72 km/h de Ferrol.

Lugo alcanzou os 45 litros por metro cadrado e ventos de 81 km/h, mentres que en Ourense, os pluviómetros rexistraron 31 litros e refachos de 45 km/h.

Preto de 500 incidencias ata as 20:00 horas

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia leva xestionadas dende as 8:00 ata as 20:00 horas un total de 483 relacionadas coa borrasca de vento e choiva que esta afectando á nosa comunidade. A previsión é que a borrasca amaine ao longo da noite e polo tanto mañá mantéñense as clases.

As incidencias máis repetidas dende o comezo do temporal teñen que ver coa caída de árbores e pólas nas estradas, bolsas de auga nas estradas, anegamentos en rúas e vivendas e cables de luz nas estradas. Por provincias, a que rexistrou máis incidencias foi Pontevedra con 246, seguida da Coruña con 143, Lugo con 57 e Ourense con 37.

Nas últimas hora os concellos máis afectados son na provincia de Pontevedra, A Estrada, Vigo, Mos, Pontevedra e Lalín. Na provincia da Coruña, presentan máis incidencias os concellos de Santa Comba, Boqueixón, Carballo e Outes. Na provincia de Lugo, presentan incidencias os concellos de Chantada e Antas de Ulla, e A Rúa e Verín, na provincia de Ourense.

As incidencias mais destacadas son a caída dunha galería dun edificio enriba de coches, na Avenida de Fisterra, en Arteixo. Na Coruña, a caída do alumeado de Nadal na Avenida de Hércules afectou a unha tubaria do gas.

Nas estradas galegas, rexistrase unha incidencia na AC-14 pk 6 dirección Coruña, pola caída dunha árbore, cun accidente con varios coches implicados sen feridos, estando un carril da estrada operativo.