Tras pouco máis dun mes desde a introdución do contedor marrón para biorresiduos comercial, colleitáronse algo máis de 6.000 kg de residuos orgánicos, o que representa a cantidade xerada aproximadamente por 450 persoas nun mes. A participación dos produtores locais, incluíndo restaurantes, bares, hoteis, froiterías, supermercados etc., foi clave para alcanzar este volume. “Este nivel de compromiso non só reflicte a responsabilidade ambiental dos nosos colaboradores comerciais, senón tamén a súa vontade de adoptar prácticas que benefician ao conxunto da sociedade e ao medio ambiente”, sinalan desde o goberno local.
“Conscientes da importancia de continuar con esta dinámica positiva, seguiremos traballando de preto con todos os sectores implicados para incorporar a máis produtores nesta recollida. A nosa meta é ampliar o alcance da recollida de biorresiduos e seguir fomentando un cambio positivo na xestión de residuos”, engaden. Seguindo coa iniciativa de poñer en valor a materia orgánica mediante a súa conversión en compost, o Concello de Baiona segue coa repartición de composteiros gratuítos para os veciños/as e que así poidan realizar un fertilizante natural nas súas casas con excelentes propiedades para o chan pola súa achega de nutrientes e a súa capacidade de preservalo de pragas e enfermidades.
Este venres fíxose a repartición por parte da Concellería de Medio Ambiente de composteiros a veciños/as que solicitaran os mesmos para realizar a compostaxe nos seus domicilios. Ao reciclar a materia orgánica nas propias vivendas, que supón en torno ao 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, evítase o depósito nos contedores verdes convencionais, propiciando así unha diminución da frecuencia da recollida e transporte do lixo por parte dos servizos municipais, e por tanto das emisións CO2.

