Anuncios
Ticker de novas

O Val Miñor, infestado de herbicidas

FOTO: COMANDO GHICHAS // O herbicida sobre zonas públicas e canles de auga na estrada Gondomar-A Ramallosa.

Os tres concellos do Val Miñor organizaron o sábado día 20 o festexo para celebrar o día mundial das abellas co obxecto de concienciar á cidadanía da situación actual: as abellas están en perigo, están desaparecendo.

Un dos inimigos máis fortes das abellas e demais insectos, do medio ambiente e da saúde, é o uso xeneralizado que se está a facer dos herbicidas, toneladas anuais en todo a mundo, un gran negocio para a industria agroquímica (Bayer-Monsanto) do que agora estamos a ver a outra cara: enfermidades graves, alerxias, mortalidade das abellas e insectos, resistencia aos herbicidas que fan que cada ano se precisen botar en máis cantidade, glifosato nos alimentos, na auga…

As veciñas e veciños do Val Miñor pediron no seu día aos tres concellos que deixaran de “limpar” (envelenar a terra e a auga) os camiños e rúas con herbicidas químicos. Presentouse nos tres unha moción contra o uso de herbicidas que foi aprobada nos concello de Nigrán e Gondomar, pero non así no de Baiona, que a rexeitou.

Nesta moción pedíaselles aos diferentes grupos de goberno que deixaran de empregar herbicidas nos seus ámbitos e instaran á Xunta de Galicia e Deputación a non darlle uso nas nosas estradas.

A Xunta de Galicia ten o noso Val Miñor infestado de herbicidas, como ben podemos observar nas estradas cara a Vigo, Ramallosa-Gondomar, Baiona…, enormes extensións queimadas quimicamente nas estradas que son da súa competencia, sen ter en conta zonas públicas, canles de recollidas de auga, cultivos.

HERBICIDAS NAS ESTRADAS DO VAL MIÑOR

FOTO: COMANDO GHICHAS // Herbicida sobre zonas cultivadas, neste caso sobre os pés da viña das veigas veciñais.

Pedimos aos nosos alcaldes e representantes nos concellos do Val Miñor, amigos e defensores das abellas, que sexan coherentes e esixan á Xunta de Galicia que deixe de fumigar as nosas estradas ano tras ano. E ao concello de Baiona que deixe de facelo tamén no seu espazo e pola súa conta.

A limpeza pode facerse mecanicamente como se facía ata hai pouco,incluso ultimamente dispoñemos de maquinaria para o efecto. Non é necesaria esta desfeita no medio ambiente e, polo tanto, na saúde. Non ten sentido.

Diversos organismos oficiais internacionais (a OMS, a Oficina Estatal de Medio Ambiente para a Saúde de California ou a Axencia Europea de Substancias Químicas) confirman que o glifosato é potencialmente canceríxeno (linfoma “no- Hodgkin”, cancro do sistema linfático…) e actúa como contaminante hormonal, entre outros perigos para a saúde humana.

O glifosato, é seu principal compoñente dos herbicidas, é o máis vendido en todo o mundo. En España se comercializaron, no ano 2009, 22.333 toneladas deste produto. A cantidade aumenta progresivamente cada ano.

“En España é o herbicida máis vendido, están autorizados máis de 100 produtos cuxa substancia activa é o glifosato e se venden uns 15 millóns de litros ao ano destes produtos”(Greenpeace España).

O herbicida é altamente soluble na auga polo que, ao filtrarse, contamina ríos, pozos e regos. Tamén se fixa no solo, permanecendo nel durante anos e vaise acumulando na terra cada ano tralo seu uso. É dicir, que remata nas nosas augas e por tanto nos nosos alimentos. As análises de Amigos da Terra revelan que no 45% das mostras de urina hai trazas de glifosato.

A resposta das administracións para xustificar o seu uso: é mais barato facer así o mantemento. Non temos claro que así sexa xa que hai que contratar a unha empresa especializada para facer o traballo e os produtos custan. E, aínda que así fóra,non se poden facer contas se o que está en xogo é a saúde da xente e o coidado da terra, do medio que nos dá alimento e nos mantén.

Comando Ghichas
Grupo de acción e concienciación social no Val Miñor

Anuncios