Hoxe iníciase en Galicia a época de perigo alto de incendios forestais

Hoxe iníciase en Galicia a época de perigo alto de incendios forestais, que se prolongará ata o vindeiro día 30 de setembro. Este período determínase por parte da Consellería do Medio Rural atendendo aos antecedentes e datos históricos sobre o risco de aparición de incendios forestais na nosa comunidade e sobre a incidencia das variables meteorolóxicas no comportamento do lume. Por este mesmo motivo, no dito período permanecerán prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais, como medida preventiva.

Ademais, a partir de hoxe refórzase o dispositivo establecido no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, Pladiga. Este ano, como nas últimas campañas, o dispositivo de verán estará integrado por uns 7.000 efectivos, con 5.700 profesionais da Xunta, que estarán apoiados por persoal do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, do Exército e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado. Ademais, cóntase cunha trintena de medios aéreos –entre os propios da Xunta e os que aporta o Estado– e 360 motobombas da Administración autonómica, dos concellos e dos parques de bombeiros, aos que se engaden cisternas, pas e outros vehículos.

Convenio con Defensa

A colaboración co Exército plásmase nun convenio asinado entre a Consellería do Medio Rural e o Ministerio de Defensa para reforzar a vixilancia nos montes galegos, co obxectivo de disuadir e reducir a actividade incendiaria mediante a incorporación de 27 patrullas terrestres e dous equipos de mantemento móbil do Exército. O documento foi asinado pola titular do departamento da Xunta, Ángeles Vázquez, e pola directora xeral de Política de Defensa do Ministerio, María Elena Gómez Castro.

Así, increméntase o número de efectivos militares nos montes galegos con respecto ao ano anterior, pasando de 25 patrullas a 27, que estarán formadas por persoal sobre vehículo. O principal obxectivo desta acción conxunta é reforzar a vixilancia e identificación dos potenciais axentes causantes dos lumes forestais, ao tempo que se busca que a propia presenza de medios militares no monte os disuada deste tipo de prácticas delituosas.

A consellería financiará o importe dos gastos que se produzan con motivo desta colaboración. O orzamento previsto para o recoñecemento, despregamento, actividade operativa e relevos da unidade das Forzas Armadas ascende a un total de 569.419,10 euros. Pola súa banda, o Ministerio de Defensa levará a cabo os despregamentos operativos de patrullas terrestres -neste caso un total de 27- durante a campaña de alto risco de incendios forestais en Galicia.

Este despregamento poderá ser superior se aumenta o esforzo por situacións de risco alto ou moi alto, chegando ás 75 patrullas e 2 helicópteros de vixilancia se chega a ser é moi alto. Todo este persoal sumarase ao dispositivo de loita contra incendios, baixo o mando único da Xunta.

O Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar un incendio forestal. Así mesmo, demanda da sociedade galega en xeral que manteña o seu compromiso na loita contra a actividade delituosa incendiaria, denunciando estas accións cando teña coñecemento delas. Failles tamén unha chamada a todas as persoas que se acheguen ao monte nestas datas para que extremen as precaucións e eviten calquera práctica que implique risco de lume.

FIRMA DO CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E O MINISTERIOR DE DEFENSA
FOTO: XUNTA DE GALICIA // A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, asinando o convenio de colaboración co Ministerio de Defensa para a loita contra os incendios forestais.
Anuncios