Sin categoría

Gondomar presenta unha semana de actividades con motivo do Día das Letras Galegas

O Concello de Gondomar presentou na mañá deste venres o programa de actividades que se desenvolverán entre o 13 e o 18 de maio con motivo do Día das Letras Galegas, que este ano homenaxea á escritora, filóloga e violinista coruñesa Luísa Villalta. A programación dará comezo o luns 13 de maio, cun recital poético organizado polo IEM a cargo de Manuel López Rodríguez, ás 20:00 horas na Aula Cultural Ponte de Rosas. O martes 14 Xina Veiga ofrecerá unha charla e o mércores 15 a poeta Alba Pedrosa presentará o seu novo poemario, ás 20:00 horas na mesma localización.

O xoves 16 a oferta cultural será dobre. Por unha banda, ás 20:00 horas no Auditorio Lois Tobío, Raquel Queizás presentará a súa obra teatral “Cinema Marabillas”. As entradas están dispoñibles na taquilla electrónica do Concello. O mesmo día e tamén ás 20:00 horas e organizado polo IEM na Aula de Ponte de Rosas, Teatro do Ar fará lectura de “O Amor das Pedras”.

O venres 17 ás 11:00 da mañá dende a Praza Paradela darase saída á tradicional Festa da Bicicleta do Val Miñor, que este ano chega á súa 34 edición. Ás 19:00 horas na Praza de Rosalía de Castro terá lugar un Acto Poético-Musical no que a música correrá a cargo do grupo Ecos e Agarimos de Peitieiros, grupo de gaitas Cores do Sobreiro, Pandereteiras do Sobreiro, Leo Casavella e Xurxo O Terrible, e no que Soledad García recitará poemas.

Para rematar estes días de conmemoración, o sábado haberá dobre sesión musical. A partir das 10:30 horas a Banda de Música de Guláns realizará un pasarrúas polo centro da vila e xa pola tarde, ás 20:00 horas, será a quenda da Banda da Agrupación Musical de Vincios, que ofrecerá un concerto na Praza Paradela.

O alcalde Paco Ferreira sinalou que “a oferta cultural de Gondomar é sen dubida unha das máis amplas de calquera concello do noso tamaño, proba da nosa aposta pola cultura, pola tradición e neste caso para rememorar con diferentes actividades a figura de Luísa Villalta”.