Máis de 370 maiores participarán a próxima semana no programa “Depotermal 2017”

A partir de mañá, 10 de decembro, e ata o vindeiro venres 15, 374 persoas da provincia maiores de 50 anos poderán desfrutar do programa da Deputación de Pontevedra “Depotermal 2017”. Este programa ten por obxectivos fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores, facilitando o acceso ao turismo de saúde a persoas que doutro xeito non poderían beneficiarse da súa dobre función como período de vacacións e tratamento sanitario. Ademais, “DepoTermal” pretende ser un plan dinamizador da economía da provincia, impulsando a creación e mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade.

“Depotermal” tamén promove espazos de encontro e intercambio de experiencias, co fin de evitar o illamento das persoas maiores e as situacións de soidade que poidan levar á súa vulnerabilidade. Trátase dunha iniciativa que se desenvolve entre setembro e decembro e da que se están a beneficiar 4.000 maiores da provincia, a través de estancias en establecementos termais coa modalidade diúrna, acudindo diariamente durante cinco días consecutivos, ou con aloxamento completo de domingo a venres.

Na vindeira semana, participarán na modalidade con pernocta ata 223 veciñas e veciños de 23 concellos da provincia entre os que se atopan Bueu, Cangas, Catoira, Gondomar, O Grove, A Illa de Arousa, A Lama, Meis, Moraña, Nigrán, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Salvaterra de Miño, Tomiño, Vigo, Vilaboa, Vila de Cruces, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa. Todas e todos eles aloxaranse en réxime de pensión completa, con acceso diarios aos circuítos termais, ata o vindeiro venres nos hoteis Spa Carlos I de Sanxenxo, no Talaso Louxo da Toxa, no Talaso Atlántico de Oia e no Balneario Termas de Cuntis.

Pola súa banda, na modalidade diúrna, participarán 151 persoas de 16 concellos da provincia entre os que se atopan Bueu, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Forcarei, Lalín, Marín, Moaña, Nigrán, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior e Vigo. Estas veciñas e veciños acudirán durante cinco días a gozar dos circuítos termais do Balneario de Cuntis, Balneario de Mondariz, Talaso Atlántico de Oia e Eurostars Illa da Toxa.

En liñas xerais este mes completarase a listaxe das 4.000 persoas de 48 concellos da provincia que están a gozar do programa “Depotermal” a través das modalidade diúrna e da modalidade con pernocta. Ao igual que na pasada edición ofértanse prazas gratuítas para persoas en situación ou risco de exclusión social e sen recursos económicos.

Anuncios