Anuncios
Ticker de novas

Nigrán Decide non fará achegas aos orzamentos mentres non se garanta o cumprimento dos acordos

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // O Grupo Municipal de Nigrán Decide nunha sesión plenaria.

Nigrán Decide non fará ningunha achega aos orzamentos presentados polo goberno municipal mentres non se garanta o cumprimento dos acordos, xa que na reunión de voceiros convocada polo alcalde para falar do orzamento do ano 2018 o Alcalde de Nigrán non garantiu que fosen executarse os contidos das achegas presentadas polo grupo municipal de Nigrán Decide. Cómpre destacar que ningunha das achegas feitas polo este grupo aos orzamentos do ano 2016 foi cumprida na súa totalidade, “o que nos fai pensar que o goberno pretende, coa nosa participación, poñer a careta de dialogante e negociador para, a continuación, botar ao lixo as nosas suxestións, como leva facendo neste mandato coa maioría das nosas propostas, moitas delas aprobadas por unanimidade do Pleno”, recorda José Cuevas.

“Por outro lado, Nigrán Decide necesita, para elaborar propostas con rigor, como é adoito na liña de oposición que estamos levando neste mandato, que o goberno Municipal nos facilite a información solicitada, así como o borrador de orzamentos completo”, engade o seu voceiro.

“O goberno municipal está dando aparencia de transparencia, pero agachando parte da información, para que o noso grupo tome unha decisión errada”, indica José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide, para continuar sinalando que, “se quere negociar propostas co noso grupo municipal, ten que facilitar toda a información solicitada, o borrador de orzamentos completo e garantir o cumprimento dos acordos aos que puidera chegarse”.

“Nigrán Decide non apoiará ningún orzamento que implique a privatización de Servizos, tal como pretende facer o goberno co Servizo de Atención á Cidadanía”. Para Cuevas o goberno municipal pretende con esta privatización saltarse os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, que deben reunir os procesos de selección para o acceso á función pública. “Cómpre destacar que, coa privatización de dito servizo, pretendida por este goberno, ademais, os custes do servizo aumentarían nun 50 por cento ao ter que engadir aos custes laborais das persoas que presten o servizo os gastos xerais, o beneficio e o Imposto do Valor Engadido”, finaliza Cuevas.

Anuncios