Anuncios
Ticker de novas

Óscar Justo lucirá no 2018 as cores do Club Ciclista Rías Baixas

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS // Óscar Justo.

O pontevedrés Óscar Justo aposta polo Club Ciclista Rías Baixas para seguir competindo o próximo ano no pelotón amateur. O combativo corredor sub23 abandona a disciplina do Guerciotti Kiwi Atlántico para unirse ao proxecto que preside José Luis Chamorro. Un cambio que lle permitirá descubrir aos seus 22 anos o certame máis prestixioso do calendario estatal, a Copa de España.

“Elixín a opción do Club Ciclista Rías Baixas polo calendario que ten, a súa gran estrutura e o bo equipo que é”, sinala Justo, que esta campaña logrou a cuarta posición no Campionato de Galicia de contrarreloxo individual disputado na localidade ourensá de Baños de Molgas. A súa actitude durante as carreiras de “buscar sempre as fugas e deixarme ver” caracterízao sobre a bicicleta.

Mostrar o seu espírito batallador na Copa de España é un dos obxectivos que se marcou de fronte ao arranque da tempada 2018. “Espero debutar nestas probas tratando de facelo o mellor posible”, apunta o ciclista natural de Pontevedra. Na segunda parte do calendario ten previsto centrarse nos campionatos de Galicia e nas voltas por etapas “axudando ao equipo en todo o necesario para conseguir vitorias”.

A incorporación de Justo únese á doutros dous ciclistas galegos, Rafael Pereira e Andrés Abal. O director deportivo salmantino Iván Rodríguez estrearase ao volante deste conxunto que efectuou unha renovación case completa do seu persoal. A directiva miñorana ten previsto seguir anunciando fichaxes durante as próximas semanas, mentres continúa traballando conxuntamente co Bufete Gándara Moure para dar o salto ao profesionalismo no 2019.

Anuncios