Unha pequena startup de nova creación situada no Parque Empresarial Porto do Molle de Nigrán organiza un obradoiro gratuíto de montaxe de máquinas recreativas Arcade, co que queren chegar á xente do lugar e que lles coñezan, e ademais, aprendendo. “Cremos que ofrecemos un espazo novo no Val Miñor e que pode ser unha gran oportunidade para todos os interesados nas novas tecnoloxías”, sinalan.
O obradoiro desenvolverase os días 15 e 16 de decembro, o venres de 16:00 a 20:00 horas e o sábado de 10:00 a 13:00 horas, no Taller 7 MakerSpace (Rúa dos Padróns nº1, nave 2, Polígono Industrial Porto do Molle, 36350 Nigrán).
Trátase dun obradoiro teórico-práctico para aprender a montar unha máquina recreativa Bartop Arcade dende cero. Non é necesario ter coñecementos previos.
Os participantes empregarán un pequeno ordenador baseado en hardware libre (Raspberry Pi), construirán a estrutura de madeira da máquina recreativa ensamblando as pezas precortadas, aprenderán a conectar os joysticks, pantalla e pulsadores e, ademais, comezarán a introducirse no mundo da Raspberry Pi cargando xogos.
Ademais de asistir ao obradoiro gratuitamente poderán adquirir a súa propia máquina Arcade comprando o kit necesario para a súa elaboración coa axuda dos monitores.
As prazas son limitadas. As inscricións poden realizarse ata o 8 de decembro a través da súa páxina web.

