A AVTG solicita a incorporación inmediata de Gondomar ao Plan de Transporte Metropolitano

A Asemblea Veciñal por un Transporte Digno para Gondomar (AVTG), enviou no derradeiro día do ano 2020 unha carta ao presidente da Xunta solicitándolle a inclusión inmediata do Concello de Gondomar no Plan de Transporte Metropolitano desde o inicio do ano 2021, para que a súa veciñanza poida dispoñer da tarxeta metropolitana e así beneficiarse dos descontos no importe dos billetes e da gratuidade para os menores de 21 anos.

Lembran a Feijóo que incumpriu a promesa realizada en decembro de 2018 “cando nos dixo que en 2019 a veciñanza do noso concello gozaría da tarxeta metropolitana da que xa se estaban a beneficiar as e os viaxeiros de Baiona e Nigrán e doutros concellos da área de Vigo”. “Agora mesmo non temos dereito ao aforro nos gastos de desprazamento e mesmo o billete para algúns tramos dentro do Val Miñor sáenos máis caro que antes”, afirman.

A AVTG demanda, tanto do goberno da Xunta como do Concello, a mellora do servizo e a promoción do uso deste transporte como alternativa ao coche individual, como medio máis cómodo, económico e ambientalmente sostible. “Serán necesarias campañas de reactivación do seu uso e a aplicación de bonificacións, billetes de transbordo, etc, xa que o aforro nos gastos de desprazamento servirá como estímulo dun maior uso do transporte colectivo”.

Tamén se dirixiron ao Alcalde do que solicitan “a convocatoria urxente dunha reunión coa AVTG, como entidade coñecedora da realidade e das necesidades do servizo de transporte público interurbano de viaxeiros do noso concello, para que en colaboración con colectivos de usuarios, empresa concesionaria e institucións, poidamos incidir, á maior brevidade posible, na súa mellora”.

AVTG – CARTA AO PRESIDENTE DA XUNTA – 31122020

AVTG – CARTA AO ALCALDE DE GONDOMAR – 31122020