Tres ouros e unha prata para o Club de Loita Sabarís no Gran Slam de Braga

FOTO: CLUB DE LOITA SABARÍS // Os integrantes do Club de Loita Sabarís e do Club Cidade de Vigo xunto co seu adestrador Juan López.

O Club de Loita Sabarís obtivo o segundo posto por equipos no Gran Slam de Braga de Loitas Olímpicas, cultivando numerosas medallas. Omar Rodríguez, Anxo Uzal e David González alzáronse co triunfo e conseguiron a medalla de ouro, e Cristian Suárez fíxose cunha medalla de prata.

Todos competiron na modalidade de Loita Grecorromana. Omar participou na categoría 80kg Júnior, e Anxo, David e Cristian en Cadete, en 63kg, 53kg e 70kg respectivamente. Por outra banda, os máis pequenos conseguiron o sexto posto por equipos dun total de 12 en Loita Libre Olímpica.

O combinado galego triunfou nun disputado torneo que serve aos deportistas para seguir metidos na competición de carácter internacional, finalizando no primeiro lugar por equipos nas categorías escolar, cadete, júnior e sénior. Galicia acudiu tamén con representación na categoría alevín, co obxectivo de dar continuidade á formación dos deportistas das categorías base.

Os técnicos desprazados valoraron moi positivamente esta actividade, celebrada no pavillón municipal de Tibães, xa que a proximidade da cidade de Braga (Portugal), brinda unha boa oportunidade para que os deportistas compitan con loitadores e loitadoras diferentes, algo moi positivo na súa formación. Outro aspecto para destacar, é que participaron deportistas que representaron a clubs das catro provincias galegas.