Gondomar oferta cinco cursos de formación on-line orientados a mulleres

Dende a Concellería de Igualdade de Gondomar, a través do Centro de Información á Muller (CIM), ponse en marcha a nova oferta baixo a modalidade de formación on-line, baseada nunha metodoloxía flexible coa que xa leva traballando estes últimos anos.

Ao igual que en edicións pasadas os cursos serán gratuítos e estarán destinados preferentemente a mulleres empregadas e desempregadas empadroadas no Concello de Gondomar. As prazas serán adxudicadas por orde de formalización de inscrición a través do Rexistro do Concello ou da Sede Electrónica, sempre e cando se cumpran cos requisitos e se entregue toda a documentación.

A oferta formativa deste ano será: animación e presentación do produto no punto de venta (60h); organización de eventos de marketing e comunicación (60h); normas de protocolo en restauración (30h); organizar e xestionar eventos, actividades e xogos para a animación físico-deportiva e recreativa (60h); e deseño e organización do almacén (80h).

Só se poderá realizar un curso por persoa e cóntase cun total de 75 prazas. A inscrición deberá formalizarse no Rexistro Municipal ou a través da Sede Electrónica.

Para máis información acudir ao Centro de Información ás Mulleres (CIM), na Casa da Cultura, teléfonos 986 389 355 ou 986 360 224, correos electrónicos aio@concellodegondomar.com e cim@concellodegondomar.com entre o 29 de novembro ao 12 de decembro.

Anuncios