O CB Nigrán lembra ás 55 vítimas da violencia de xénero

O CB Nigrán fixo público este xoves o vídeo co que quere render unha homenaxe a todas as vítimas da violencia de xénero asasinadas este ano. Multitude de personalidades e representantes de diferentes ámbitos sociais quixeron colaborar nesta iniciativa.

Figuras importantes do baloncesto como Alba Torrens, Laura Nichols ou Amaya Valdemoro, Arlauckas, Corbalán e Quique Villalobos, Eva Amaral e Juan Aguirre, compoñentes do grupo musical Amaral, a escritora Sonia Mirón, o actor Antonio Durán “Morris” ou os futbolistas Jorge Otero ou Javier Maté, entre moitos outros, portan un balón de baloncesto que simboliza a cada unha das vítimas mortais desta lacra social.

Xunto a eles outros colectivos como o club Amfiv, o Basketmi Ferrol ou os claustros de profesores dos colexios Humberto Juanes, Carlos Casares, Cruz Camos, Panxón e Mallón aparecen no vídeo portando unha pelota de baloncesto, un balón por cada muller asasinada así como por cada un dos 7 nenos asasinados neste 2017.

Pechando o vídeo, unha foto na que participan xogadores e familias do club, cun total de 55 balóns na pista debuxando un gran lazo, un balón por cada muller ou neno asasinado co obxectivo de concienciar e sensibilizar sobre esta lacra social que non cesa no seu goteo de vítimas.