O Auditorio Lois Tobío de Gondomar acollerá o III Memorial Secundino Pérez Sanromán

Tres anos despois do seu falecemento, o Centro Cultural e Veciñal de Peitieiros, coa colaboración do Concello de Gondomar, a través da Concellería de Cultura, organiza o III Memorial Secundino Pérez Sanromán, veciño da parroquia de Chandebrito e un referente na música tradicional do Val Miñor.

Participarán os grupos Ecos e Agarimos de Peitieiros, Breogán Valle Miñor, O Castro de Chandebrito, Novos Aires de Couso, A Merced de Chaín, Aires de Santes de Vincios e Ardelume de Baíña.

O evento celebrarase o próximo domingo 3 de decembro no Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar e comezará ás 17:00 horas.

Secundino Pérez Sanromán

Músico dende a infancia, Secundino alegrou coa súa música multitude de corazóns. Aínda que a gaita era a súa mellor amiga, tampouco lle fixo noxos a outros instrumentos como o saxofón, que tocou na Banda de Música de Vincios ou nunha das primeiras charangas da bisbarra, «Os leóns de Camos».

Mestre de varias xeracións de músicos, compositor, creador de grupos de gaitas como o de Sabarís, A Ramallosa, Priegue, Peitieiros, Baíña, Couso, Chandebrito… foi un home de gran paciencia e bonito carácter.

Precisamente pola súa axuda na promoción da cultura tradicional galega, o Concello de Nigrán rendeulle unha pequena homenaxe na Gala dos Premios Nigrán 2014. Aínda que non puido asistir por motivos de saúde, estivo ben representado pola súa esposa, Hermosinda Rodríguez Otero.

“Alégrome moito de haber ensinado a tantos mozos e mozas. Todo o mundo di que estou cheo de paciencia, pero cando un fai o que verdadeiramente lle gusta, saborea cada intre dese tempo. Eu nacín e vivo para a música”. Secundino Pérez Sanromán.

Anuncios