Adrián Valverde aspira a recuperar o liderado Elite no Rosal

FOTO: LUZ IGLESIAS // Valverde no Trofeo Concello de Santiago.

Este sábado Adrián Valverde compite no circuíto máis próximo á súa casa da Copa Galicia de Ciclocrós. O certame autonómico celebra a súa quinta xornada na Praia das Eiras (O Rosal), onde o baionés do Club Ciclista Rías Baixas aspira a recuperar o liderado da categoría Elite que cedeu o pasado domingo en Santiago de Compostela.

A clasificación masculina está encabezada polo sub23 Iván Feijoo (Academia Postal – Actyon – MMR) con 420 e na segunda praza están igualados a 400 puntos Darío Otero (Muebles Compostela) e Valverde. A camisola de líder da súa categoría lucirao o corredor compostelán por impoñerse na última proba.

A competición Elite e Sub23 arrancará ás 17:00 horas no trazado do Baixo Miño. Esta cita organizada polo Club Ciclista O Rosal trae bos recordos a Valverde, que logrou o triunfo no 2015.

Poio

A Copa Galicia presenta este fin de semana unha dobre xornada e o domingo disputarase a sexta proba puntuable na localidade pontevedresa de Poio. A carreira reina poñerase en marcha no circuíto da Seca ás 12:00 horas.

Anuncios