Veciños de Baiona participan esta semana nunha excursión de “En Ruta coa Depo”

O programa da Deputación de Pontevedra “En Ruta coa Depo” organiza para esta semana dúas novas saídas que contan coa participación de 104 persoas da Asociación Galega San Francisco, de Vigo, e da Asociación de Viudas «Mercedes de la Escalera», de Baiona. Estas excursións, que terán lugar este mércores 15 de novembro e este venres, permitirán ás persoas participantes coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra.

A primeira excursión xuntará a 49 persoas da Asociación Galega San Francisco que poderán coñecer o conxunto histórico de Cuntis (praza das Árbores, Casa Grande dos Castro etc.), o miradoiro do parque Maráns, o castro de Castrolandín e conxunto histórico de Caldas de Reis (fonte das Burgas, ponte romana, xardín botánico e carballeira).

Pola súa banda, o venres 17 de novembro, 55 persoas da Asociación de Viudas «Mercedes de la Escalera» farán unha ruta cultural visitando o conxunto histórico de Salvaterra de Miño, o parque da Canuda, o Centro de Interpretación do Viño, a Lamprea de Arbo e as pesqueiras do Miño.

O programa “En ruta coa Depo” pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Amais, esta iniciativa ten por obxectivos impulsar actividades alternativas para o tempo de lecer xuvenil, promovendo o asociacionismo entre a xuventude e o ocio dinámico e saudable, así como rutas específicas onde nais, pais, titoras e titores poidan gozar coas nenas e os nenos dun ocio común, san, alternativo e divertido que faga doada a conciliación familiar e laboral durante as fins de semana ou estancias estivais.