A Garda Civil aborda os riscos asociados ás novas tecnoloxías cos escolares do Cova Terreña

Unha trintena de alumnos e alumnas de 6º de Primaria do CPI Cova Terreña de Baiona asistiron este venres a unha charla informativa sobre as novas tecnoloxías, impartida por dous efectivos da Garda Civil do Posto Principal de Baiona-Nigrán. O obxectivo principal da charla é que coñezan os riscos asociados ao uso da internet e as redes sociais. Os axentes transmiten aos escolares a importancia de ter coidado co que se publica na rede, e explícanlles en que consiste o grooming, o sexting ou o cyberbulling.

Con esta iniciativa preténdese protexer aos menores dos perigos que supón o uso irresponsable das tecnoloxías, no marco do “Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas”, que ten como obxectivo axudar a previr os problemas de seguridade e de convivencia que poden afectar á poboación máis nova: acoso escolar; drogas e alcol; bandas violentas, racismo e intolerancia; violencia sobre a muller e discriminación; Internet e redes sociais.

O plan ofrece diferentes actuacións á comunidade educativa: reunións con expertos policiais, charlas co profesorado e as ANPAS, charlas co alumnado sobre problemas de seguridade e acceso permanente a un experto policial ao que consultar calquera problema relacionado coa seguridade ou convivencia e mellora da vixilancia da contorna escolar. A iniciativa tamén serve para achegar á Garda Civil á poboación, e que os escolares teñan un contacto máis directo con eles.

O vindeiro mércores, 13 de febreiro, impartirase unha charla sobre as redes sociais e o acoso escolar dirixida a pais e docentes, ás 17:00 horas no Salón de Actos do centro.

Anuncios