Anuncios
Ticker de novas

O BNG solicita do Pleno de Gondomar medidas urxentes para a loita contra a violencia machista

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

A Responsable Local do BNG, Manuela Rodríguez, vén de rexistrar no concello un escrito no que solicita do Pleno da Corporación a aprobación de medidas urxentes de loita contra as violencias machistas.

“O 25 de novembro é unha data referencial para dar visibilidade e reivindicar a necesidade de incrementar e mellorar a loita contra as violencias machistas, mais a loita debe darse cada día do ano. O traballo de visibilización, denuncia e redución dista aínda de ser colectivo e prioritario para toda a sociedade e para todas as axendas políticas”, afirma.

Para o BNG, “a vixencia estrutural das violencias machistas contra as mulleres debe comprometer ás institucións a destinar maiores recursos económicos, humanos e materiais para tal fin. Transformar a sociedade reducindo a fortaleza do patriarcado e superar todas as manifestacións de desigualdade e violencia que sofren as mulleres debe ser un obxectivo político de primeira orde”.

Así, o BNG considera que en Gondomar hai unha paralización absoluta das estruturas municipais que deben actuar en todo o que ten que ver coa loita contra a violencia machista. Sirva como exemplo a ausencia de información sobre o papel que realiza o Consello Municipal da Muller que, hoxe por hoxe e desde as eleccións de 2015, non integra aínda a todas as entidades e organización que teñen algo que dicir neste ámbito, o que sería do máximo interese se consideramos a absoluta transversalidade da violencia de xénero.

Para o BNG segue habendo unha necesidade imperiosa que viña recollida nas conclusións do Informe de Avaliación do II Plan de igualdade do Concello de Gondomar, que dicía literalmente: “Os recursos humanos, materiais e económicos cos que se levou a cabo o desenvolvemento do II Plan, cando menos, son precarios. O PIOM foi executado pola equipa de traballo de Igualdade, esta desenvolve o traballo de implantación, execución e seguimento do Plan sumado aos labores de atención personalizada no CIM. Este dato, que en si mesmo representa unha dobre carga de traballo e o desempeño de varios roles profesionais, hai que analizalo tendo en conta que a xornada laboral das tres traballadoras deste Departamento é a tempo parcial.”

“A día de hoxe esta situación segue sen estar corrixida o que limita o traballo que se pode desenvolver desde o concello de Gondomar e repercute na calidade de vida das mulleres maltratadas. Cómpre considerar que a precariedade de medios é tal que cando unha das traballadoras ten unha baixa por enfermidade ou permiso non é substituída, co conseguinte prexuízo para as usuarias do servizo.”

Para o BNG a dotación dos recursos humanos necesarios neste e noutros aspectos relacionados co combate da violencia de xénero son urxentes e imprescindibles para podermos avanzar e paliar esta lacra social.

En consecuencia, o BNG de Gondomar solicita do Pleno da Corporación:

Instar á Xunta de Galicia a avanzar na concreción do Pacto galego contra a violencia machista acordado por unanimidade polo Pleno do Parlamento Galego o 25 de xaneiro de 2017, así como a destinar o 1% do Orzamentos para 2018 á prevención e loita contra todas as formas de violencia exercidas contra as mulleres con especial atención a aumentar os recursos destinados á asistencia e protección delas e as súas crianzas; a mellora dos medios e recursos xudiciais garantindo a existencia de espazos diferenciados para vítimas e agresores en dependencias xudiciais, o acompañamento das mulleres en situación de violencia machista durante todo o proceso e a súa atención por parte de persoal con formación especializada.

Instar á Xunta de Galicia a cumprir e avaliar o grao de cumprimento da normativa recollida ao abeiro do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, con especial atención ao desenvolvemento e cumprimento do recollido na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Reclamar do goberno do concello o incremento do orzamento dedicado aos servizos municipais de atención ás vítimas de violencia machista, así como a activación inmediata do Consello Municipal da Muller e outras estruturas desde as que se pode traballar contra a violencia machista e se conte con todas as entidades e organizacións, pois esa será a única vía real para atallar esta lacra.

Comprometer o apoio da Corporación ás mobilizacións locais, comarcais e nacionais que desenvolvan as organizacións feministas galegas contra a violencia machista os 365 días do ano.

Anuncios