Anuncios
Ticker de novas

A Deputación aprobará unha modificación de 13 millóns de euros destinados aos concellos da provincia

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo vicepresidente, César Mosquera, anunciou hoxe en rolda de prensa que no vindeiro Pleno da institución provincial, que se vai celebrar o 24 de novembro, “imos aprobar unha modificación dos orzamentos de 2017 que ascende a un total de 12,8 millóns de euros”, sinalou Carmela Silva, “que nos van permitir seguir cumprindo todos os compromisos adquiridos”.

A Presidenta sinalou que estes preto de 13 millóns de euros proceden, “por unha banda, dun expediente de crédito extraordinario que se eleva a 8,4 millóns de euros e que estará destinado nun 76% aos concellos de menos de 20.000 habitantes para actuacións de mellora en equipamentos e infraestruturas, o denominado Plan de Reequilibrio, cunha achega xa este ano 2017 de seis millóns de euros”. Tamén dentro destes 8,4 millóns de euros, “cun investimento de 300.000 euros, as axudas para a redacción de programas de mobilidade local, que a semana pasada presentamos no Pleno ante o conxunto dos concellos”, asegurou Carmela Silva, así como “máis de dous millóns de euros para financiar obras incluídas no protocolo co concello de Pontevedra para o acceso a Montecelo e ao Centro Príncipe Felipe”, informou a Presidenta da institución provincial.

Ademais, “pola outra banda, tamén levaremos un suplemento de crédito a diferentes partidas que ascende a 4,4 millóns de euros”, sinalou Carmela Silva, dos que “quero subliñar que imos dedicar o 90,4% aos concellos” e, polo tanto, “millóns de euros en achegas, de novo, aos concellos da provincia”. A Presidenta da Deputación de Pontevedra explicou que “estes 4,4 millóns vanse dedicar ás áreas de Emprego, Cooperación, Medio Ambiente e Mobilidade”.

Así, na área de Emprego, “investiremos no co-financiamento dos programas ‘Depo Espazos’, ‘DepoEmprende’, ‘DepoIntegra Xove’, ‘Millenials’ e ‘Practicum Depo’ da Unión Europea que co-financiamos entre o 10%, o 15% e o 20% cun importe total de 280.000 euros”, sinalou Carmela Silva. Na área de Cooperación, “358.433 euros para o co-financiamento de dous proxectos europeos, o ‘ESTRAEE’ (Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparatos Eléctricos e Electrónicos) e o ‘IN 4.0’ (innovación na industria naval)”, avanzou a Presidenta. Na área de Medio Ambiente, “dedicaremos 75.000 € para un convenio coa Universidade de Vigo que permitirá dar cumprimento ao noso obxectivo de avanzar cara a unha nova política forestal, e destinaremos outros 81.993 € para a mellora dos montes”, sinalou Carmela Silva. Por último, asegurou a Presidenta provincial, “nestes 4,4 millóns tamén se inclúen 3.440.928 euros destinados a convenios para as nosas estradas”, na área de Mobilidade.

Carmela Silva concluíu que se trata de “recursos para cumprir cos nosos compromisos: os que teñen que ver cunha nova política forestal, para a promoción do emprego e da economía na provincia ou os que teñen que ver coa mobilidade nas estradas, que é unha das nosas grandes prioridades e que neste momento vai como un reactor”. Así, a Presidenta asegurou que “todo o financiamento para os nosos proxectos de mobilidade do século XXI, que pretenden construír unha provincia que sexa unha referencia, xa nos están a permitir selo”.

En canto á política forestal, Carmela Silva lembrou que “a semana pasada xa avanzamos a modificación do ‘Plan Concellos 2017’ para que os concellos da provincia que sufriron os danos dos lumes puideran ter á súa disposición recursos cos que facer fronte aos danos que padeceron. Hoxe, unha semana despois, volvemos anunciar que cumprimos os nosos obxectivos”.

Anuncios