
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Val Miñor, ante a situación de colapso da atención primaria existente na área sanitaria de Vigo e na comarca, provocada pola sobrecarga asistencial derivada da nova onda da Covid, quere lembrar que a Atención Primaria xa atravesaba, antes da pandemia, unha profunda crise estrutural como consecuencia dos recortes nos orzamentos aplicados polos sucesivos gobernos do Partido Popular. “O déficit de profesionais pola falta de adecuación dos cadros de persoal ás necesidades poboacionais, a non substitución de xubilacións, baixas e vacacións, as demoras nas citas e a masificación na asistencia, son o resultado da súa política de desmantelamento da sanidade pública. Na actualidade, os orzamentos na Atención Primaria apenas supoñen o 12% do orzamento sanitario total, que volve baixar un 2% nos actuais presupostos presentados polo goberno do PP para o 2022. Evidentemente é insuficiente e é urxente incrementalo”, apuntan.
“As novas medidas e protocolos do SERGAS para a atención dos positivos están a ter consecuencias negativas na atención que recibimos as e os cidadáns. Dar prioridade aos casos COVID sen reforzos de persoal provoca o incremento das listas de agarda, a demora na atención e, nalgúns casos, o atraso na diagnose de patoloxías graves como as tumorais. Desde a Plataforma queremos solidarizarnos co persoal sanitario e non sanitario, animalo, a pesar do esgotamento, a non decaer no seu traballo e atención, e recoñecer o seu importante compromiso nos momentos críticos. Máxime cando por parte da administración non están a recibir ningún tipo de incentivo que os anime a apostar por se manter no sistema público, até o punto de os abocar a optar por traballar na sanidade privada ou, en moitos casos, á emigración”, sinalan desde a Plataforma.
Esixen ás Autoridades Sanitarias do Sergas un plan de continxencia urxente, co incremento de persoal para dar cobertura ás necesidades asistenciais e de sobrecarga actual. “Para isto é preciso, contratar e acabar coa precariedade laboral do persoal implementando un Plan de Mellora da Atención Primaria que redimensione os equipos multidisciplinares para dar cobertura ás necesidades de saúde da poboación e estabilidade no traballo. As políticas de recortes e descapitalización na Asistencia Sanitaria, realizada sibilinamente polo PP na Xunta de Galicia, está levando ao desmantelamento da Atención Primaria e privatización da sanidade”.
“Á poboación pedímoslle unha defensa expresa e firme da sanidade pública, porque é a única garantía de acceso a unha atención sanitaria de calidade e con equidade para toda a cidadanía; comprensión e apoio aos traballadores e traballadoras da Atención Primaria, que se atopan exhaustos e desprotexidos pola administración; e o cumprimento das normas sanitarias, de utilización das máscaras e a distancia de seguridade, evitando as aglomeracións, como forma de evitar os contaxios e un maior colapso do sistema sanitario”, conclúen.