Catro meses desde a implantación da pegada dixital no Concello de Baiona

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Un dos empregados municipais utilizando o sistema de pegada dixital.

O pasado 11 de xullo o Concello de Baiona puxo en funcionamento un sistema de control horario do persoal municipal mediante pegada dixital, instalando lectores biométricos para o control de entrada, saída e permanencia dos traballadores municipais no seu posto laboral. Con este novo sistema substituíuse o medio de control mediante firma manual sobre listaxe de papel utilizado ata a data de posta en marcha do novo sistema.

Instaláronse varios equipos de control de presenza baseados na lectura da pegada dactilar asociado ao teclado numérico dun código persoal por cada un dos empregados municipais. A captura da pegada realízase mediante un procedemento de escaneo. Este determina unha serie de puntos cos que se conforma un código de números, de tal forma que cando o traballador pase o dedo pola máquina instalada na entrada do seu centro de traballo, o aparello recoñecerá ese código.

As máquinas están instaladas xa en todas as dependencias municipais, desde a Casa Consistorial á Oficina de Turismo, o Pavillón de Deportes, o Centro de Información á Muller, a Escola de Música e as instalacións municipais do Departamento de Vías e Obras situadas na Praza de Abastos.

“Esta medida persegue unha mellor xestión das vacacións, os permisos e doutras cuestións vinculadas coa entrada e saída dos traballadores. Ademais, con este novo sistema materializáronse tres obxectivos: a modernización do sistema de control, producir un aforro significativo nas arcas municipais, e que os propios traballadores poidan consultar desde calquera punto informático as súas fichaxes, así como solicitar licenzas, permisos e vacacións”, matizou o Alcalde, Ángel Rodal.

Neste sentido, Rodal indicou que se contratou a unha empresa eses traballos, que incluíron unha fase inicial de elaboración dun ficheiro no que se introduciron as impresións dixitais dos empregados. Do mesmo xeito, sinalou que no programa informático dese sistema de control envorcouse o convenio laboral, que é onde están establecidas diversas cuestións sobre cada posto de traballo e que axudarán a realizar ese control.

Actualmente ficha todo o persoal do Concello. O catálogo de traballadores municipais suma 129, entre funcionarios, laborais fixos e temporais e indefinidos.

Solución técnica

A solución técnica que se instalou permite de forma rápida e eficaz usos distintos como o control de visitas ou o control de accesos. Ademais, preténdese que o sistema sexa compatible con posibles modificacións técnicas posteriores para evitar a súa obsolescencia, e permita que poida actualizarse periodicamente para adaptarse ás necesidades específicas que poidan xurdirlle á administración.

Nese sentido, o software do programa integra o control de tempos do persoal coa xestión informatizada de permisos, licenzas e incidencias e, durante todo o tempo do contrato, será parametrizable en altas, baixas, xornadas laborais, e todo tipo de conceptos en materia de permisos e incidencias.

A xestión do novo servizo de control quedou centralizada no Departamento de Recursos Humanos. En todo caso, toda a información vinculada a ese sistema de control está suxeita á normativa en materia de protección de datos.

Para garantir esa confidencialidade, cada empregado municipal dispón dunha credencial de acceso ao sistema de consulta de datos sobre a súa asistencia ao traballo, a través de informes semanais sobre as fichaxes correspondentes á semana ou o mes en curso, ou mesmo de informes personalizados respecto doutras datas.

Os terminais foron instalados pola empresa adxudicataria deste servizo, que tamén asumiu o mantemento, funcionamento e reposición dos mesmos durante a vixencia do contrato.

A ferramenta serviralle ao Concello para mellorar o control dos seus empregados: a que hora entran ao seu posto de traballo, cando se ausentan e por canto tempo e cando saen. A suma dos datos enviarase a un directorio central de control no que se almacenarán e xestionarán. Se as notificacións non se correspondesen coa xornada laboral do empregado, o sistema permite a apertura dunha incidencia e a xestión das alegacións oportunas.