Presentan unha iniciativa popular no Parlamento Galego por un parque de bombeiros no Val Miñor

As formacións políticas de unidade veciñal e popular de Gondomar Concello Aberto, Nigrán Decide e Esquerda Unida de Baiona veñen de presentar hoxe no Rexistro Xeral do Parlamento de Galicia en Compostela unha Proposición Non de Lei por Iniciativa Popular para a Creación dun Parque de Bombeiros no Val Miñor, de xestión pública directa con base nalgún dos concellos da comarca, e no que se integre o actual persoal do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) da Mancomunidade do Val Miñor.

A Comisión Promotora desta Proposición non de Lei por Iniciativa Popular está formada por 10 persoas, cinco mulleres e cinco homes. Tres son de Baiona (Silvano Montes, Aroa Dominguez e Marta Montes), tres de Nigrán (José Cuevas, Carlos Gómez e Anxo Mosquera) e catro de Gondomar (Jimena Varela, Fátima R. Areal, Ana López e Pauliño del Río).

Esta iniciativa será examinada pola Mesa do Parlamento Galego na súa sesión do luns entrante para a a súa admisión a trámite. Unha vez admitida, e logo do seu paso pola Xunta Electoral, procederán á recollida das 2.500 sinaturas necesarias para a súa tramitación e aprobación se procede polo Parlamento Galego. “Hai razóns máis que de sobra para a instalación dun Parque de Bombeiros no Val Miñor”, subliñan desde a Comisión Promotora da IP por un Parque de Bombeiros no Val Miñor.

A Lei 5/2007, de 7 de maio, de Emerxencias de Galicia, no artigo 4 indica que a cidadanía ten dereito a unha resposta eficaz ante os riscos e a unha adecuada protección da súa integridade, dos seus bens e do seu entorno.

En numerosas ocasións constatouse que os actuais servizos na bisbarra miñorana para dar unha resposta ante o risco de incendios e outras emerxencias non foron realizados coa eficacia e eficiencia que son necesarios.

De acordo co artigo 16 da Lei 7/2015, de 7 de agosto, de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá no Parlamento de Galicia, faculta a calquera cidadán ou cidadá, xunto con outros nove, a promover e presentar unha proposición non de lei de iniciativa popular ao Parlamento galego.

A comarca do Val Miñor formada polos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán ten unha poboación permanente de 43.904 persoas. Esta poboación multiplícase na época estival chegando aos 100.000 residentes e tendo picos de poboación preto dos 120.000 habitantes, aos que hai que sumar a existencia de varios polígonos industriais como o do Porto do Molle ou A Pasaxe, no que están instaladas numerosas empresas.

Esta bisbarra miñorana espállase nun territorio de 145,2 km cadrados dos que 34,9 pertencen a Nigrán, 34,4 a Baiona e 74,5 a Gondomar. A dispersión e a grande extensión do seu territorio, complican a atención das emerxencias, subliñando que os datos xeográficos falan da disparidade e contraste de altitudes que se rexistran entre as distintas parroquias, ás que temos que engadir as longas distancias e os pasos estreitos e dificultosos dalgunhas vías secundarias ou terciarias, polo que o tempo de resposta é fundamental e ás veces vital.

Tanto a veciñanza estable como a estacional ou esporádica teñen dereito a unha resposta eficaz ante os riscos e a unha adecuada protección da súa integridade, dos seus bens e do seu entorno.

Actualmente os poderes públicos tratan de garantir este dereito cun infradotado Grupo de Emerxencias Supramunicipal que é xestionado pola mancomunidade do Val Miñor, contando co apoio do parque comarcal de bombeiros de O Porriño, que pola distancia entre a súa base e a comarca ten un tempo de resposta superior ao que consideran adecuado (de 20 a 25 minutos).

Anuncios