As dunas de Praia América e Panxón están máis preto de ser Espazo Natural de Interese Local

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Desembocadura do río Muíños.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de publicar no DOG o anuncio da Dirección Xeral de Patrimonio Natural polo que se somete á participación pública o documento base do Plan de Conservación do Espazo Natural de Interese Local Praia América-Panxón.

Durante un prazo de 20 días hábiles o documento someterase á consulta pública. As persoas interesadas poden enviar as súas alegacións, preferentemente mediante correo electrónico ao enderezo planificacion.conservacion@xunta.gal, poñendo no asunto “Plan de conservación ENIL Praia América-Panxón”.

O Concello de Nigrán enviou o Plan de Conservación do Ecosistema Dunar Praia América-Panxón á Xunta de Galicia o pasado ano, para que sexa considerado Espazo Natural de Interese Local (ENIL) con carácter definitivo. Estes 35.000 metros cadrados de terreo foron declarados como ENIL en xullo de 2014, pero de forma provisional e por un prazo máximo de dous anos.

O documento, requisito imprescindible para obter este recoñecemento, recolle un conxunto de medidas en prol da mellora dos valores naturais e paisaxísticos deste sistema dunar, incluído tamén no Inventario de Sistemas Dunares de España da Dirección Xeral de Costas. Estas actuacións forman parte do proceso de planificación previa esixido para acadar os obxectivos fixados neste espazo, así como para a xestión dos recursos naturais do ENIL.

O texto establece así o réxime de usos e actividades permitidas, ademais das limitacións necesarias para a conservación do ecosistema dunar de Praia América e Panxón, de titularidade pública, nos ámbitos da investigación, formación, educación, sensibilización social e desenvolvemento sustentable.

Anuncios