
O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou hoxe que a Deputación de Pontevedra subvencionará a redacción de Plans de Mobilidade Sustentable (PMS) a todos os concellos da provincia. O nacionalista destacou que o obxectivo desta liña de axudas provincial é que os municipios conten con ferramentas e documentos estratéxicos que fagan unha diagnose da súa mobilidade e expoñan propostas para actuar a curto, medio e longo prazo nas súas vías de comunicación e espazos públicos, de xeito que aumenten a súa calidade e fomenten a prioridade das persoas na convivencia cos vehículos.
Benítez destacou que a liña de axudas terá unha partida inicial de 300.000 euros -que se ampliará de ser necesario- co obxectivo de cubrir as demandas de todos os municipios interesados na proposta (menos Vigo e Pontevedra). Destacou, así mesmo, que hai dous requisitos fundamentais para que sexa concedida a subvención, o cofinanciamento por parte do concello solicitante (dun mínimo do 25%), e a aprobación plenaria para executar o documento. “Estas dúas medidas que restrinxen as axudas están motivadas porque a Deputación non vai poñer cartos para ningún documento que quede no caixón. Queremos facer estes plans en serio e que teñan compromiso de execución por parte das Corporacións, xa que as administracións temos a triste experiencia de que hai actuacións que non se executan por falta de determinación e valentía política. Non queremos que aconteza isto”, subliñou o deputado.
O responsable provincial de Mobilidade destacou que a liña de axudas para os Plans de Mobilidade Sustentable fora anunciada no seu momento dentro da Estratexia 3.0 do seu departamento e será unha realidade coa publicación das bases antes de final de ano. “A Deputación está comprometida coa mobilidade sustentable e cos municipios, por iso colaborará economicamente para facer os PMS”, asegurou Benítez.
Ademais de presentar a solicitude de subvención de xeito individual tamén se permitirá que varios concellos se agrupen a modo supramunicipal para facer un estudo conxunto, xa que se entende que a mobilidade transcende as divisións municipais do territorio. Por outra banda, os pregos técnicos dos PMS serán supervisados polos técnicos provinciais para comprobar que inclúen os requisitos das bases e terán un prazo de redacción dun ano.
Axudas europeas dispoñibles para mobilidade
O nacionalista destacou tamén que co fin de que os gobernos e técnicos locais se concienciasen da importancia dos PMS, a Deputación organizou para o día de hoxe unhas xornadas nas que participaron técnicos de consultoras que xa redactaron PMS piloto para varios concellos da provincia, así como investigadores e especialistas en mobilidade sustentable, xunto coa xefa do departamento de Coordinación e Apoio da Dirección de Aforro e Eficiencia Enerxética (IDEA), María Francisca Rivero.
Esta última deu coñecer as axudas FEDER para entidades locais de menos de 20.000 habitantes dentro do Programa Operativo Plurirrexional de Crecemento Sustentable (POCS), no que un dos obxectivos estratéxicos é a Mobilidade Sustentable. Rivero asegurou que a proposta da Deputación de subvencionar PMS para os concellos é unha “iniciativa fundamental” para que estes poidan acollerse ás axudas europeas, posto que a Unión Europea establece como requisito indispensable que todas as solicitudes de axudas estean amparadas dentro dun plan ou estratexia global de mobilidade.
Rivero destacou que dentro do POCS existen obxectivos estratéxicos (mellora de edificios ou enerxías renovables) para os que xa practicamente están concedidas todas as subvencións, se ben asegurou que as solicitudes de axudas presentadas no ámbito da Mobilidade aínda están por debaixo do orzamento dispoñible. “Que cabe subvencionar directamente con estes fondos FEDER? Pois cabe calquera iniciativa que fomente a mobilidade peonil, xa ben peonalizacións, carrís bici, camiños escolares, sistemas de aluguer de bicicletas ou aparcamentos disuasorios… –explicou-, sempre tendo claro que é preciso que estean deseñados seguindo unha planificación previa e se poidan medir os resultados acadados do aforro de emisións de CO2”, finalizou.
Novo modelo de territorio
Carmela Silva foi a responsable de abrir as Xornadas sobre os PMS e comezou a súa intervención poñendo en valor que “a mobilidade se ten convertido nun grande reto que as administracións públicas temos que ter como unha acción prioritaria a desenvolver”. Máis polo miúdo, Silva falou de recuperar o territorio para as persoas xa que “o desenvolvemento económico, os avances industriais, crearon territorios onde os vehículos se converteron en prioritarios e deixaron ao ser humano á marxe e hoxe a cidadanía reclama recuperar o seu espazo e construír cidades máis humanas”.
Para Silva, os plans de mobilidade teñen unha enorme influenza no desenvolvemento sustentable do territorio polo que “todas as administracións públicas temos a obriga de impulsar proxectos globais de planificación que se baseen neste novo modelo, esta debe ser a nosa grande prioridade”. Para elo, a presidenta da Deputación destacou que “toda a sociedade debe ser partícipe no novo modelo de territorio que ten por obxectivos a mobilidade sustentable e a accesibilidade a todas as persoas”.
A presidenta da Deputación destacou o papel da institución provincial para liderar este cambio de modelo a nivel provincial, “partindo das propostas e alternativas que xa se puxeron en marcha en diferentes lugares da provincia, construíndo cidades, vilas e pobos, para as persoas, e que ademais obtiveron grandes éxitos”. Ao respecto, Silva destacou na importancia de tomar como referencia as iniciativas locais para “impulsar unha iniciativa provincial centrada no impulso do modelo de mobilidade sustentable que se estenda por todo o noso territorio e nos converta nun referente tanto a nivel galego como no estado”.
Amais, a presidenta provincial destacou as accións desenvolvidas pola Deputación de Pontevedra para impulsar o novo modelo de mobilidade “dende a Estratexia 3.0 ata o Plan Móvese ou o decálogo que aprobamos no 2016 que se veñen a sumar, a partir de agora, á posibilidade de financiar plans de mobilidade nos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes para permitir que este novo modelo de mobilidade sustentable se poida instaurar no conxunto da provincia”.
“As nosas vilas e o planeta merecen o esforzo”
Pola súa banda, o vicepresidente Mosquera retou na súa intervención aos alcaldes, concelleiros e técnicos asistentes a aplicar os PMS como instrumentos para deseñar as vilas da provincia de xeito sustentable. “Gustaríame que estes plans non sexan un papel para ter por se hai unha solución. Non teño o convencemento de que aconteza iso, xa que outros documentos quedaron no papel no pasado. É por iso que ínstovos, rétovos e anímovos a que os apliquedes como ferramenta para traballar”, dixo, “xa que as nosas vilas e o planeta merecen o esforzo”.
Mosquera realizou esta petición logo de ter exposto que é preciso recortar a mobilidade en termos urbanos e potenciar outros usos para os espazos públicos ou non haberá solución aos problemas actuais de emisións de CO2, consumo de enerxías e aumento de temperatura do planeta. “A velocidade á que nos queremos mover polas vilas come as propias vilas e cidades, a enerxía, a nosa saúde… Come o noso territorio. Hai que fuxir de alternativas imposibles e do modelo vicioso que establece que como as vilas non son habitables hai que moverse máis en coche. Hai que rachar ese círculo e recuperar os espazos públicos”, finalizou.