O cadro de persoal do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) do Val Miñor concluíu este xoves en Nigrán o calendario de mobilizacións para denunciar a precariedade laboral e reclamar un convenio colectivo que regule as condicións de traballo. As protestas incluíron concentracións no mercado de Sabarís e diante das casas consistoriais de Baiona, onde tamén acudiron ao Pleno, e Gondomar.
Nesta ocasión, estiveron arroupados por decenas de persoas, que fronte ao Concello de Nigrán apoiaron as súas reivindicacións. Denuncian que o GES do Val Miñor carece dende hai dez anos dun convenio colectivo que regule os dereitos laborais do cadro de persoal, tendo que aturar unhas condicións salariais e materiais de absoluta precariedade. Así, critican que as nóminas roldan os 850 euros ao mes e que os vehículos que usan para desprazarse e para apagar o lume, así como as ferramentas utilizadas para a excarceración de persoas, se atopan en mal estado.
Despois de ler a carta aberta dirixida aos veciños e veciñas da comarca, na que relatan o sucedido durante o fin de semana no que os incendios forestais arrasaron os municipios de Baiona, Gondomar e Nigrán, unha representante do GES interveu no Pleno, que incluía na orde do día unha moción presentada polo BNG co obxectivo de tentar que os concellos reclamen á Mancomunidade do Val Miñor a convocatoria da Comisión creada ao efecto no seu seo, coa fin de acometer seriamente a definición e reorganización completa do servizo, afondando no seu carácter de Servizo Público Esencial, e que foi aprobada por unanimidade.










