Carta aberta do GES Val Miñor: “Dixéronnos que fixésemos o que puidésemos, esa foi a única instrución”

O Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) do Val Miñor vén de publicar unha carta aberta dirixida aos veciños e veciñas da comarca, na que relatan o sucedido durante o fin de semana no que os incendios forestais arrasaron os municipios de Baiona, Gondomar e Nigrán.

Piden o seu apoio e intercesión para que os representantes políticos tomen coa seriedade debida as carencias, tanto materiais como de recursos humanos, deste servizo vital, para que garanta a seguridade dos cidadáns en caso de urxencia.

Estimados veciños/as do Val Miñor:

Desde o servizo de bombeiros do Grupo de Urxencias Supramunicipal (GES) Val Miñor queremos expresar a nosa consternación, tristeza e rabia polos incendios forestais ocorridos en toda Galicia o 15 de outubro, pero en especial os ocorridos no Val Miñor.

Tardamos dúas semanas en pronunciarnos publicamente por respecto e porque entendiamos que non era o momento; logo das tráxicas consecuencias que o lume provocou en todo o Val Miñor. Pero sentímonos na obriga e responsabilidade de trasladar á poboación do Val Miñor, en que condicións estamos traballando como servizo público de urxencias para unha poboación de 44.000 habitantes que se duplica en época estival.

Os graves incendios do Val Miñor.

O 12 de outubro apagábase, en colaboración con varias brigadas forestais e un helicóptero, un incendio forestal nas inmediacións da Virxe da Rocha que foi reavivado ás 5:00 da madrugada do día seguinte, pero neste caso tan só 1 bombeiro do GES, o único que estaba de servizo, fixo fronte a devandito incendio.

A madrugada do 14 de outubro requírennos para prestar axuda nun incendio forestal en Oia, e o domingo pola mañá somos requiridos para acudir aos que foron os grandes incendios de Baiona e Gondomar. Só había dispoñibles 2 bombeiros con 1 camión. O outro camión e a pickup quédanse na base, porque non hai persoal para poder utilizalos.

Ás 17:30 iniciase o foco de incendio forestal en Parada e Camos, preto dunha industria pirotécnica e con casas ao redor; pero os dous únicos bombeiros dispoñibles nese momento estaban en Baiona.

Ante a falta de coordinación que estabamos vendo ao longo do día, e sen que ninguén tomase as rendas do mando operativo, decidimos organizarnos pola nosa conta e os 8 compañeiros do GES de descanso incorpóranse voluntariamente aos labores de extinción. Non había ningún coordinador ao mando, e non podiamos comunicarnos coas centrais do 112 e do 085 porque estaban colapsadas.

Non sabiamos de que medios dispoñiamos, nin cantos foran mobilizados, estabamos totalmente a cegas. O noso distrito de zona, que é quen nos debería coordinar, díxonos que «fixésemos o que puidésemos», esa foi a única instrución.

Os primeiros en chegar a Camos foron 2 bombeiros do GES e o concelleiro de seguridade, que chegan á cabeza do lume en Parada e alí intentan facerlle fronte, pero xa era incontrolable.

Non dispoñiamos de medios nin persoal para poder controlalo, só tiñamos 1 camión forestal. Polo que acudimos a axudar ás casas que tiñan as chamas máis cerca. E é cando constatamos que realmente estamos sós para facer fronte a un incendio forestal de nivel 2, exceptuando a axuda da policía local de Nigrán que sí se preocupou por manter contacto connosco e ata de poñer á nosa disposición varios axentes para axudar nos labores de extinción.

Pedimos en varias ocasións descargas dos hidroavións que estaban sobrevoando a zona toda a tarde, pero ditas peticións non foron atendidas pese á gravidade do incendio.
O lume avanzaba cara a Chandebrito pero cando intentamos subir, logo de recoller todos os metros de mangueira estendidos, xa era demasiado tarde. A estrada de subida estaba totalmente cercada polo lume polo que se intenta acceder por Priegue no camión forestal que non circula a máis de 70 km/h.

Nese momento o único que podiamos defender cos medios e o persoal dispoñible era que o lume non chegase á pirotecnia e que a catástrofe non fose aínda maior. Alí estivemos traballando até as 6 da madrugada do luns seguinte, bombeiros do GES e Policía Local de Nigrán.

IMPOTENCIA, esa é a sensación que temos todos nós fronte a unha situación así, na que si se dispuxese dunha dotación de 4 ou 5 bombeiros e de medios, sería suficiente como para atallar por si só un incendio de dimensións normais, como cando se iniciou. Desta forma, é dicir, sen ningunha dotación de bombeiros, nin brigadas, nin de Medio Rural, nin UME, nin axentes forestais, nin mando, nin coordinación, nin tan sequera comunicacións,… a situación dun pequeno incendio transfórmase nun incendio voraz que campa ás súas anchas sen control.

O servizo do GES do Val Miñor

O GES é un servizo público que conta actualmente cunha dotación de 12 axentes; pero tanto as baixas, como as vacacións ou descansos de persoal non son cubertas ao longo do ano, polo que existen quendas nos que hai só 1 bombeiro facendo fronte a calquera urxencia no Val Miñor. Sexa una excarceración ou sexa un incendio. Iso leva a mobilizar a outras dotacións de emerxencias parques de bombeiros limítrofes que poden tardar ata 40 minutos en chegar ao Val Miñor; por exemplo dende Porriño. E a súa dispoñibilidade está supeditada sempre a que non estean realizando outro servizo.

Ditas dotacións de bombeiros cobran adicionalmente ós afectados por prestar o devandito servizo, cunhas tarifas que distan moito das aplicadas polo GES do Val Miñor, dado que esoutros parques son concesións privadas.

Non temos competencias como bombeiros forestais, pero sempre somos os primeiros en prestar axuda e acudir en caso de incendio forestal no Val Miñor, pese a non ter medios adecuados e específicos para iso. De feito só dispoñemos dun vehículo capaz de acceder en estradas estreitas ou pistas forestais. Un camión que ten 13 anos de antigüidade e que a súa velocidade punta non supera os 70 km/h ou os 30 km/h para subir unha costa como a de Chandebrito ou Vilas, e que carece de medidas de seguridade como rociadores para atravesar unha columna de lume.

Os nosos equipos de protección individual e o material que usamos está en mal estado ou caducado. Moitos de nos tivemos que mercar material de seguridade pago do noso propio peto porque as nosas vidas non poden esperar a que se fagan efectivos os compromisos dos gobernos locais, tras anos e anos de promesas.

Por este motivo, unha das nosas esixencias é que se nos dote do equipamento mínimo para facer fronte a unha urxencia dado que se incumpre sistematicamente calquera precepto da lei de prevención de riscos laborais desde o minuto cero que saímos a calquera urxencia.

Levamos 2 anos reclamando ante a Mancomunidade de Concellos do Val Miñor, avisando da nosa situación e das carencias en materia de seguridade do servizo.

Fai dous meses ata entregamos un informe moi completo a todos os grupos políticos dos concellos e mantivemos 3 reunións con representantes da mancomunidade, pero foron infrutuosas, só conseguiuse unha partida escasa para renovar parte da roupa.

Algunhas das peticións realizadas polo GES era a petición de colocación de puntos hidrantes (bocas de rego para equipo de incendios). Un camión de 3000 litros de auga, tarda 20 minutos en descargalos nunha urxencia. Para poder enchelo é necesario que as bocas de rego teñan un ancho e caudal de presión acorde, para que o seu enchido non sexa superior a uns 8 minutos, e permita ao camión volver rapidamente ao foco do lume.

Solicitamos aos 3 concellos a colocación de puntos hidrantes nos respectivos concellos. Ata se fixo un estudo coa localización dos mellores lugares para a súa colocación. A realidade é a que vivimos o pasado domingo. Que para poder encher os camións en Nigrán o único punto hidrante está situado en Porto do Molle. O que supuña abandonar o lume durante 30 minutos para ir cargar o camión e volver.

Imaxínense agora o que implica desprazarse dende Chandebrito a Porto do Molle só para cargar auga. Pois a mesma situación padécena os veciños de Gondomar e Baiona. A xente das parroquias máis afastadas do centro urbano están na mesma situación. Non hai puntos hidrantes cerca pese a contar con sistema de traída de augas municipal.

Non hai nada máis importante para un bombeiro que a seguridade das súas veciñ@s e as súas casas. É a nosa vocación profesional, e a nosa loita persoal diaria; mellorar o servizo que ofrecemos aos nosos veciños.

Por iso PEDIMOS Á VECINDADE DO VAL MIÑOR que nos apoien e intercedan para que os nosos representantes municipais tomen coa seriedade debida este asunto, atendan e cubran as necesidades dun servizo que como se viu pode marcar a diferenza entre chegar e non chegar.

Solicitamos o voso apoio para pedir aos alcaldes do Val Miñor que realicen as xestións necesarias para que o Val Miñor poida ter un servizo útil de emerxencias que garanta a seguridade dos cidadáns en caso de urxencia; actualizado e dimensionado para estar á altura das eventuais situacións de perigo que se poidan dar tanto en Baiona, Gondomar ou Nigrán.

Por todo isto, PEDÍMOSVOS O VOSO APOIO o vindeiro xoves 26 ás 19:30 para que acudades ao pleno do concello de Nigrán, onde estaremos concentrados de forma pacífica, para mostrar a nosa indignación, o noso malestar e reclamar novamente que as nosas demandas sexan atendidas, xa non só por nós, se non pola seguridade de todas e todos os veciños do Val Miñor.

MOITAS GRAZAS polo teu apoio
O Grupo de Urxencias do Val Miñor

Val Miñor, 25 de Outubro de 2017