CABE reclama a mellora das condicións do GES e acabar coas quendas cun só bombeiro

FOTO: CIG // Membros de GES Val Miñor concentrados diante do Concello de Gondomar.

A Mancomunidade de Concellos do Val Miñor integra aos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán, e espállase nun territorio de 145,2 km cadrados dos que 34,9 pertencen a Nigrán, 34,4 a Baiona e 74,5 a Gondomar.

Na actualidade habitan esta mancomunidade preto de 45.000 habitantes, chegando aos 100.000 residentes nos meses do verán. A dispersión e a grande extensión do seu territorio, complican a atención ás emerxencias, e o tempo de resposta é fundamental.

“Logo da vaga de incendios da fin de semana do 14 e 15 deste mes e da situación de caos, de ausencia de medios, de falta de protocolos de actuacións e de carencia de brigadistas e bombeiros. Logo da alarma xerada e da constatación de que estamos unha vez máis vendidos por falla de xestión das administracións competentes. De constatar unha vez máis, como no Prestige, que ante unha catástrofe o estado desaparece e actúa a xente do común. Seguimos nas mesmas”, asegura Pauliño del Río, Voceiro do Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto.

“Agora veñen as promesas, pero imponse a realidade. Despois de todo o acontecido, no Grupo de Emerxencias Supramunicipal do Val Miñor (GES) seguen coas mesmas carencias, nesta semana que andamos 3 días o servizo estará cuberto por quendas con 1 só bombeiro. Acabouse o lume, acabouse o tema”, engade Del Río.

“Volveremos repetir os mesmos erros? Lembremos que onte mesmo tívose que apagar un lume en Parada-Nigrán, nunha zona xa afectada polo lume. Desde Gondomar Concello Aberto queremos denunciar esta situación e reclamamos que se melloren ás condicións de traballo e os recursos materiais e humanos do GES do Val Miñor”, conclúe.

Anuncios