Carmela Silva pide que a provincia sexa declarada zona afectada gravemente por unha emerxencia

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA // Carmela Silva.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou hoxe en rolda de prensa que este martes, na reunión convocada pola delegación do Goberno, pedirá que Galicia (e a provincia de Pontevedra, particularmente) sexa declarada como “zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil”, tal como aparece recollido na lei 17/2015 do sistema nacional de protección civil que foi aprobada, lembrou Carmela Silva, “en xullo de 2015, polo actual Goberno estatal, malia que en ningún momento se informou claramente desta posibilidade nin tampouco a Xunta de Galicia a puxo por enriba da mesa, cousa pola que me sinto absolutamente sorprendida”.

Carmela Silva lembrou que, tal como indica esta lei, “as situacións ante as que o estado ten que actuar claramente, entre outras, son os incendios forestais” e que o procedemento para que Galicia e a provincia de Pontevedra sexan declaradas como unha zona gravemente afectada por unha emerxencia de protección civil é “moi doado”. Deste xeito, sinalou a Presidenta, “só esixe un acordo do Consello de Ministros e Ministras, a petición de quen teña a carteira de Facenda e Administracións Públicas ou, no seu caso, dos demais ministerios concernidos, como neste caso podería ser o de Medio Ambiente, malia que tamén o poden solicitar as administracións concernidas, isto é, a Xunta de Galicia. Por iso a miña sorpresa porque, oito días despois desta catástrofe, a Xunta nin fala desta lei nin fala de que vaia pedir esta declaración, cousa que chama á atención”. De feito, asegurou a Presidenta provincial, “nesta reunión non soamente vou pedir a aplicación desta lei no vindeiro Consello, de xeito inmediato, senón que tamén vou preguntar por que non se puxo en marcha ata este momento”.

Deste xeito, Carmela Silva tamén explicou que “nesta lei establécese claramente que as emerxencias de protección civil son as situacións de risco colectivo sobrevidas por un evento que pon en perigo inminente a persoas ou bens e que esixen unha xestión rápida por parte dos poderes públicos para atendelas e mitigar os danos, tratando de evitar que se convertan en catástrofes, como son os incendios forestais” e que, entre outras cuestións, débense “adoptar medidas de recuperación para restablecer as infraestruturas e os servizos esenciais e paliar os danos derivados da emerxencia”.

Unha vez declarada a zona gravemente afectada, as medidas aplicables inclúen “axudas económicas a particulares por danos na vivenda habitual e bens de primeira necesidade ou compensacións a administracións locais por gastos derivados de actuacións inaprazables”, explicou a Presidenta provincial. Respecto a este último, Carmela Silva sinalou que “hoxe atopámonos con que o alcalde das Neves precisa un apoio urxente de enxeñería, arquitectura e avogacía porque a vila está nunha situación de extrema gravidade”. Ademais, a lei tamén establece “axudas destinadas a establecementos industriais, mercantís e de servizos”, ao que Carmela Silva lembrou que se viron “afectadas naves, empresas e moitas persoas autónomas”, así como “axudas por danos en producións agrícolas, gandeiras, forestais e de acuicultura mariña, que na nosa provincia foron gravísimos”. Todas estas medidas, asegurou a Presidenta, “son directas, só hai que declarar a zona gravemente afectada para que se apliquen de maneira inmediata. Como é posible que ninguén o solicitase?”.

A maiores, a lei tamén establece o papel das administracións locais, entre as que se atopa a Deputación de Pontevedra, tras esta declaración, concretamente no artigo 25 sobre seguimento e coordinación. “Para a coordinación e seguimento das medidas o Estado constituirá unha comisión de coordinación integrada por representantes das administracións, tanto estatal, autonómica como locais afectadas, polo que entendo que o obxectivo da reunión é crear esa comisión”, asegurou Carmela Silva, que volveu lembrar que “toda Galicia debe ser declarada zona gravemente afectada, promovida polo Goberno de facto ou por solicitude da Xunta de Galicia, para que se apliquen todas estas medidas que xa están contempladas na lei”.

A presidenta da Deputación de Pontevedra remitiu hoxe unha carta aos alcaldes e alcaldesas dos concellos afectados “para que coñezan a proposta que presentaremos na reunión e levar tamén a súa voz xa que, incomprensiblemente, non foron invitados”.

Carmela Silva asegurou que “vou reclamar que nos poñamos moi en serio, xa que necesitamos unha estratexia nacional de loita contra os lumes”. A Presidenta afirmou que “é urxente que se poña en marcha e as cousas non se poden facer pola porta de atrás poñendo medidas nas leis de acompañamento”. Deste xeito, reclamou que “se convoque a todas as comunidades autónomas, lideradas do Estado, e tamén á administración local a través da FEGAMP máis á comunidade científica, para establecer de verdade esta estratexia, dentro doutra estratexia na que tamén se formule a recuperación da lei de desenvolvemento rural de 2008 que está metida nun caixón e que contemplaba moitas cuestións relativas a un dos problemas relacionados cos incendios forestais: o abandono do monte en consecuencia da desertización do rural”. Carmela Silva explicou que “a lei do sistema de protección civil fala de anticipación aos problemas que se poden crear derivados do cambio climático ou do abandono dos montes, fala de prevención e fala de coordinación”. “Coa estratexia estatal de loita contra os lumes acordada polo Goberno, as comunidades, a administración local e a comunidade científica debemos de verdade ter unha resposta que nos permita contar con todos os instrumentos que poidan facer fronte a este grave problema, xa que se non facemos nada os incendios serán unha realidade que non se poderá evitar”.

Carmela Silva lembrou, unha vez máis, que as competencias en incendios forestais “non corresponden ás deputacións e aos concellos, senón que tanto na Constitución española como no Estatuto de autonomía de Galicia vén establecido que son tanto o Estado como a Xunta en quen recaen estas cuestións”, ao igual que nas cuestións relacionadas coa protección do medio ambiente e a política forestal. “De feito, ás corporacións locais só lles corresponde a administración dos montes da súa titularidade, cousa que en Galicia montes de titularidade municipal apenas hai xa que ou é privado ou mancomunado. Queda claro de quen son as competencias, e nesta reunión tamén llelo vou lembrar”.

Anuncios