Xunta e Concellos poderán limpar fincas e repercutirlle os custos aos seus propietarios

A Consellería de Medio Rural vén de presentar unha serie de modificacións normativas dirixidas a favorecer o cumprimento das esixencias legais por parte de todas as administracións na protección e prevención forestal, así como unha serie de medidas adicionais para reforzar estes ámbitos. A través da Lei de Acompañamento dos Orzamentos de 2018 entregados onte no Parlamento de Galicia, a Xunta fai un reforzo inmediato da lexislación coas iniciativas coas que se vén traballando nas últimas datas. Así mesmo, estas propostas están abertas ás achegas dos diferentes grupos políticos, con independencia do traballo posterior que se deberá facer tamén no eido parlamentario.

Medio Rural da un paso máis a través destas modificacións lexislativas reforzando a regulación para conseguir un maior e mellor aproveitamento do monte e conseguir reforzar a loita contra o lume. Unhas medidas que se suman ao decreto de axudas para os afectados aprobado esta semana, á mesa para a adopción inmediata de medidas técnicas nas zonas afectadas convocada para este luns ou ás diferentes reunións de coordinación que se manterán coas administracións implicadas e colectivos de damnificados.

No que ten que ver coa xestión da biomasa (esencialmente limpeza de maleza e ordenación das árbores), auméntase a distancia dos 30 aos 50 metros nos que non pode haber árbores pirófitas (de fácil combustión) naqueles lugares onde está demostrado que son de maior risco pola súa situación. É o exemplo das zonas con pouca altitude ou pendente superior ao 10% e as caras norte das provincias de Pontevedra e A Coruña, zonas nas que o vento de compoñente nordés sopra con maior perigosidade cara as zonas habitadas. Esta norma é extensible tamén para gasolineiras, cámpings e instalacións industriais nas que haxa material inflamable.

Para complementar esta medida prohíbese totalmente a plantación de acacias a menos de 50 metros de edificios e obrígase a que os eucaliptos e piñeiros garden unha distancia mínima de 10 metros entre cada exemplar. A maiores, as vivendas illadas situadas en solo rústico, deben obrigatoriamente ter xestionada do mesmo xeito a biomasa nos 50 metros que as rodeen, atópense á distancia que se atopen dun monte.

A lei tamén prevé que á contorna das subestacións eléctricas e estacións de telecomunicacións se lles aplique a mesma norma que ás das infraestruturas de transporte e distribución de enerxía, que obriga á retirada de especies pirófitas a menos de 5 metros de distancia dando un prazo aos responsables para facelo antes de que se faga cargo a Administración quen, a través desta norma, terá máis facilidades para actuar cando eles non cumpran.

Neste sentido, e tal e como contemplaba xa a Lei de incendios de 2007, as Administracións Públicas están facultadas para facerse cargo desa xestión subsidiariamente podendo repercutirlle os custos despois aos seus propietarios. A modificación que se introduce agora o que trata é de permitir que se acelere o procedemento para evitar que se demore no tempo esa limpeza e se poida facer canto antes en beneficio do conxunto dos potenciais afectados. Nesta liña, resulta especialmente salientable a introdución da posibilidade de declarar zonas de actuación urxente e prioritaria aquelas sobre as que se precise actuar podendo facelo de xeito rápido e simplificado en caso de emerxencia. A maiores introduce a posibilidade de que a Administración poida vender a madeira cortada para facer fronte aos gastos derivados.

Finalmente, entre as novidades destacadas introducidas, prevese que aqueles montes veciñais en man común que non estean explotados ou estean en grave estado de abandono, poidan ser declarados como tal pola Consellería do Medio Rural e incorporado ao Banco de Terras para que aqueles que teñan necesidade de terreo o poidan poñer en valor. Neste suposto os comuneiros con explotacións agrogandeiras que precisen base territorial para as súas explotacións, terán un dereito preferente de acceso.

Anuncios