O Concello de Nigrán vén de substituír os 27 farois da rúa Arquitecto Palacios de Panxón por uns novos de iluminación led por importe de 39.266 € subvencionado no 80% polo Fondo de Compensación Ambiental. O obxectivo deste troco é mellorar a eficiencia enerxética e a calidade ambiental, xa que as antigas luminarias daban problemas ao exceder o fin da súa vida útil, afectando ao seu rendemento, calidade e consumo e supoñendo isto un aumento das emisións de CO2. Neste sentido, o goberno de Nigrán consideraba prioritario o cambio da iluminación nesta rúa ao atoparse en pésimo estado pese a ser un viario estratéxico que une o Centro de Saúde co Pavillón e ser empregado por milleiros de veciños e turistas cada día.
A actuación supuxo a substitución dos báculos de aceiro galvanizado que xa estaban oxidados por uns novos que incorporan o escudo do Concello de Nigrán; substitución das luminarias actuais de vapor de sodio por outras novas de tecnoloxía LED de menor potencia e regulación de fluxo; e finalmente, substitución do cadro de alumeado incluíndo un reloxo astronómico dixital que cada semana regula automaticamente as horas de acendido e apagado en función da posta e saída do sol. O antigo alumeado resultaba obsoleto, sobreiluminaba a rúa e non aproveitaba correctamente os recursos enerxéticos ao ter excesiva potencia instalada e desaproveitar a luz diúrna (o control era analóxico, acendéndose e apagándose a unhas horas fixas todo o ano).
A esta renovación hai que sumarlle os 8.712 euros achegados a través do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra para o recente cambio dos farois dos paseo marítimo de Panxón por novas con tecnoloxía LED, as antigas, tamén de vapor de sodio, presentaban avarías continuamente ao concluír a súa vida útil.
«O cambio a LED supón un importante aforro enerxético e ofrece unha imaxe moderna no municipio», indica Rial. De feito, como xa se fixo en todo o centro urbano, a nova medida suporá reducir a potencia de consumo entre o 51% e o 80 %, o que ao mesmo tempo implica diminuír as costas de funcionamento das instalacións de iluminación pública e, sobre todo, permítelle ao Concello optimizar o gasto enerxético e de mantemento neste eido, xa que unha lámpada de vapor de sodio ten unha vida media útil de 12.000 horas e unha de LED entre 50.000 e 100.000 horas.


