Nigrán recibe preto de 40.000 € para a conexión á rede de abastecemento en San Roque

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Rúa de San Roque.

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, a través dunha resolución presidencial, unha nova achega para o concello de Nigrán, ao abeiro do “Plan Concellos 2017”. Deste xeito, Nigrán recibe unha cantidade de 38.478,45 euros para facer as obras pertinentes de conexión á rede de abastecemento en San Roque.

Ademais, anteriormente a institución provincial xa destinara ao concello de Nigrán 515.809,53 euros en liña 1 destinados á adquisición dunha parcela para a construción dun almacén municipal, para acondicionar as instalacións eléctricas, para subministrar a estrutura de aceiro inoxidable da pista multideportiva da Ramallosa, para adquirir o subministro de luminarias para o paseo marítimo de Panxón, para a mellora das instalacións na rúa Mariñeiro e para o acondicionamento das instalacións eléctricas. Ademais, outros 76.100 € en liña 2 para o financiamento de distintas actividades como unha milla solidaria, unha exposición, a festa de San Fiz, ciclos como “Nigrán area” ou “Nigrán jazz”, un programa municipal de canguros, o Entroido, unha travesía a nado, o Ano Carlos Casares e probas deportivas, entre outros, e finalmente, na liña 4 de emprego, outros 218.252,28 € para a creación de 27 postos de emprego nos diversos servizos municipais do concello.

Coa suma destas novas achegas, a porcentaxe de adxudicación do “Plan Concellos 2017” da Deputación de Pontevedra en Nigrán está na actualidade no 87,5%, ao xa ter recibido o 96,5% do total do investimento. Isto supón que a vila xa dispón de 848.640,26 € dun total de preto de 970.000 €.